EN OURENSE

O ourensán Borja Bobillo, a Mozambique a escoitar

Oourensán Borja Bobillo, profesor de economía e cooperante internacional, no parque de San Lázaro.
photo_camera O ourensán Borja Bobillo, profesor de economía e cooperante internacional, no parque de San Lázaro. (XESÚS FARIÑAS)

O ourensán Borja Bobillo viaxa a Mozambique o 6 de febreiro, unha aventura solidaria na que traballará nunha escola dos Maristas como profesor cooperante durante sete meses. Non está "nervioso", ten ganas de "falar, compartir e, sobre todo, escoitar"

A "brúxula vital" de Borja Bobillo (Ourense, 1983) apunta a Mozambique nestes momentos. A súa aventura comeza o próximo 6 de febreiro, pero asegura que non está nervioso: "Sei que me van a acoller na escola e coñezo aos que o xestionan". Bobillo chegará a unha escola da ONG dos Maristas, SED, no país africano, onde traballará durante os próximos sete meses. 

No seu caso, este interese por coñecer outras realidades e achegarse a elas vén dende moi pequeno: "Vivino na casa". "Miña nai era voluntaria de Cruz Vermella e todos os mércores viña un rapaz a estudiar con nós polas tardes", explica o ourensán. Anos máis tarde, dúas das súas irmáns maiores fóronse a Honduras. "Cando estaba alí María -irmá- meus pais decidiron ir dous meses, tamén de voluntarios no mesmo proxecto ca ela", sinala.Rodeado dese ambiente, non é de estrañar a súa faceta de cooperante: "Cando eres novo non lle das moitas voltas pero estas cousas foron sementando ata que un día agroma". 

Fai cinco anos, cando comezou a traballar como profesor de economía no colexio dos Maristas de A Coruña, agromou. "No colexio foméntase moito a solidariedade e hai un equipo que colabora en centros de Zambia, Mozambique e Honduras", explica. De falar con eles, de invitalos a falar cos seus alumnos, acabou por decidirse e marchou a Zambia. Alí chegou a unha zona rural onde os Maristas construiran unha escola. "Tiven sorte porque coñecín a persoas que estiveron no proceso de construción, que viron un cambio real no entorno", comenta. "Unha das cousas que máis me chamou a atención é que aquí lle temos certa desconfianza ao novo, alí teñen curiosidade", recorda Bobillo. Alí axudou, pero tamén gozou moito: "Eles saben o que é vivir o momento presente". Daquilo conserva ensinanzas vitais, "cousas que se van axustando dentro de un", pero non cre que ir alí sexa algo "especialmente significativo". "Ser un axente do cambio non ten nada que ver con irse ata Zambia ou a Mozambique, é algo que primeiro fas en ti e logo ao teu redor, é algo circular", opina. E sobre a mirada occidental de África, teno moi claro: "O teu día alí é coma aquí, é dicir, levántaste, almorzas, vas a traballar, volves...".


"Non teño expectativas"


Días antes de marcharse, recoñece que non ten "expectativas": "Teño ganas de estar, de escoitar, tanto conversas como o que che vai dicindo o propio lugar". Bobillo anima a todo aquel que teña "curiosidade" a dar un paso máis.


"Hai que motivar aos rapaces, esa é a chave para o cambio"


O seu traballo como profesor de economía a rapaces de instituto fíxoo decatarse da importancia de motivar aos adolescentes: "Esa é a chave para o cambio". Por iso, procura ensinarlles aos seus alumnos as diversas posibilidades que teñen de axudar no seu propio entorno: "Cada un pode tirar polo que máis lle interesa, sexa deportes, ecoloxía, xente maior...". Bobillo confía nas novas xeracións, pero recalca a necesidade de ofrecerlles alternativas: "Aquí fanse moitas cousas. En Ourense, por exemplo: tes a aula de teatro, asociacións ecoloxistas como Sustinea ou Amigos da Terra, xuvenís como Amencer.... Moita xente fai moitas cousas".

Te puede interesar