ENTREGA DE PREMIOS

A asociación Setestrelo premiou aos arquitectos

<p></p>
photo_camera Paula,Seoane,Quintas,Nóvoa,Fernández,González Martínez y García Mañá.

O ourensán Manuel Seoane foi distinguido polo "seu labor profesional"

O arquitecto ourensán Manuel Seoane recibiu onte a medalla de prata dos premios que levan o nome do arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, e que entrega a Asociación de Amigos do Castelo deMaceda, "Setestrelo". Foi premiado en recoñecemento ao seu “amplo labor profesional, pola súa traxectoria como arquitecto, como docente da Escola de Artes Antonio Faílde de Ourense e polo labor de investigación e difusión da cultura e da historia da bisbarra da Limia, en particular a través da edición da revista ‘Lethes’”, segundo indicou o presidente da asociación, Francisco Nóvoa.

No transcurso da gala que tivo lugar no Castelo de Maceda, tamén foron premiados os estudios Sabín-Blanco e Abalo Alonso. Estes galardóns teñen como obxectivo impulsar o uso da lingua galega nos proxectos urbanísticos e ademais pretenden a posta en valor dos bens patrimoniais de Galicia.

Ademais, no transcurso do acto tivo lugar o nomeamento dos novos membros de honra, coa entrega de credenciais á Valedora do Pobo, Milagros Otero; ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; ao director de Proxecto Home en Galicia, Ramón Gómez; e ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; entre outros.

Tanto o recoñecemento público como a entrega de credenciais aos membros honoríficos outórganse a persoas que destacan “pola súa achega profesional ou persoal no eido da cultura, do patrimonio, da economía, do ensino ou calquera outro favorecedor do desenvolvemento e mellora de Galicia”.

Na quenda para os agradecementos, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García lembrou “a singularidade destes galardóns ao contemplar o emprego da lingua galega en proxectos e promocións de edificacións novas ou restauradas". Lembrou como a lingua galega “debe gañar presenza nos estudios de arquitectura, nos proxectos e direccións de obra, que provocará un efecto multiplicador nas iniciativas empresariais que completan o ciclo da construción e mantemento dos bens construídos”.

A Asociación de Amigos do Castelo de Maceda constituíuse no 2009 a iniciativa dun grupo de macedáns comprometidos coa cultura.

Te puede interesar