Contaminación

Ourense en Común esixe ao goberno local actuar fronte ás verteduras no Barbaña

O grupo local anima a Jesús Vázquez a aceptar a súa proposta, "un convenio cun equipo de especialistas da Universidade de Vigo orzamentado en só 4.000 euros, e que serviría para coñecer o estado ecolóxico e químico do río"

O grupo local Ourense en Común asegura que a aparición de escuma no río Barbaña este domingo "demostra cultura da impunidade vixente en Ourense". En palabras da edil Montse Valencia, “as verteduras recorrentes son a proba evidente de que non existe conciencia nin medo a posibles sancións. E iso débese a que as administracións responsables tanto do seu coidado e prevención como da súa protección, non están a facer o seu traballo”.

O grupo lamenta esta nova vertedura e apela ao edil responsable en materia de Medio Ambiente no Concello de Ourense, José Araujo, a "implicarse na proposta para protexer o río Barbaña que o grupo lle presentaba hai unhas semanas".

Na Xunta de área de Medio Ambiente deste martes, Ourense en Común volverá poñer enriba da mesa a mesma proposta, "un convenio cun equipo de especialistas da Universidade de Vigo orzamentado en só 4.000 euros, e que serviría para dar o primeiro paso e contar xa en setembro cun coñecemento actualizado do estado ecolóxico, biolóxico, hidromorfolóxico e químico do río, como punto de partida para deseñar unha estratexia de recuperación ambiental”, explica Montserrat Valencia.

Ourense en Común explica que o "silencio do  goberno de Jesús Vázquez despois de cada unha destas verteduras convérteo en cómplice e actor necesario para que todo siga igual. É responsable do seu estado, e podería facer moito na súa defensa tal e como vimos suxerindo en repetidas ocasións”.

Te puede interesar