DEBATE

Ourense non entende á RAG

<p></p>
photo_camera Acto da Real Academia Galega en Ourense, durante a presidencia de Méndez Ferrín, en 2010.

O debate sobre a falta de representación ourensá no seo da Real Academia Galega tamén chegou ás principais entidades provinciais.

A escaseza de intelectuais da provincia nas filas da Real Academia Galega (RAG) continúa a ser foco de debate no seo da sociedade ourensá. Mentras que Ourense non ten voz nin voto na Academia das letras galegas -á falta de que a poetisa Chus Pato lea o seu discurso de ingreso- son moitas as entidades provinciais que si se pronuncian sobre a ausencia de representatividade ourensá na RAG.

O presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez-Risco, cre que o debate non pasa por unha cuestión de cotas provincias. "No meu entender a RAG ten problemas máis graves que resolver que o das cotas por provincias, coma a crise interna dende a dimisión de Méndez Ferrín ou o seu financiamento", argumenta Martínez-Risco. "Tal vez, e é unha opinión sen máis, puideran ser máis interesantes unhas cotas por sistemas sociolingüísticos", afirma.

Mentres, o xornalista e escritor Arturo Lezcano sostén que "non convén falar de paridade. Se así fose, Ourense, a provincia máis pequena, estaría en desvantaxe". E engade: "Só uns poucos deberían sentar nas cadeiras da douta casa da rúa Tabernas. Todos os das xeracións despois de Nós somos ananos a ombros de xigantes, mesmo se alguén soñou con lles ter medrado".

Precisamente á Atenas galega alude o alcalde, Jesús Vázquez. "A que foi berce da xeración Nós e dos artistiñas, que viu nacer a ilustres da talla de Valente ou Blanco Amor, merece ter unha maior representatividade dentro dun órgano tan importante como é a RAG, destinado a velar pola nosa cultura e a nosa lingua", afirma o rexedor. "O peso histórico e cultural de Ourense debe ser tido en conta de forma xusta, pois Ourense aportou, aporta e aportará sempre o seu talento para o enriquecemento da literatura e da cultura galega", conclúe.

Na mesma liña, o presidente da Diputación, Manuel Baltar, sostén: "Ourense non entende a falta de representación na RAG. Tampouco o entenderían os grandes das letras galegas e do pensamento político con raíz en Ourense. Otero, Risco, Cuevillas o Blanco Amor non recoñecerían a ese órgano nin como real, nin como académico nin como galego. Galicia -continúa- non se entende sen Ourense. Por iso non entendemos á RAG".

Pola súa contra, Pilar Rodríguez, a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, non basea o seu discurso na herdanza literaria, posto que "seguimos sendo, ou non deixamos de ser, a Atenas galega", afirma. "Eu creo que hai xente de Ourense con tanta talla ou máis que algún dos que están, pero esa xente -a directiva da RAG- está convencida de que o que está facendo está ben", critica.

Outros ven a xénese da falta de representación ourensá na RAG nunha cuestión de endogamia, posto que son os propios membros da Academia os que escollen aos académicos. "É unha pena que non poida haber outro tipo de mecanismos -de ingreso-, que conten coa traxectoria das persoas", manifesta Isabel Salgado, presidenta do Ateneo ourensán. Ao respecto, Acisclo Manzano, membro da Academia de Belas Artes, reflexiona: "Habería que cambiar os estatutos da Academia, para ver se a xente que non está dentro dela poidera influír, e presentar candidatos que ingresen na RAG".

As variedades da lingua

A cuestión da lingua tamén resoa no medio deste debate. "Eu son partidario da representatividade meritoria, non da territorial, porque a lingua é un patrimonio de todos os galegos", anota Delfín Caseiro, do Padroado do Museo da Limia.

Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, é partidario da "representatividade meritoria", non da territorial, "porque a lingua é un patrimonio de todos os galegos". Coincide con él, Felipe Senén, membro do Centro de Estudos Chamoso Lamas: "Ourense non está representada, cos aportes que fixo ao idioma, cas súas particularidades", lamenta.

Para Fina Calleja, da compañía Sarabela Teatro, esta falta de representación é " un síntoma da posición que ocupa Ourense no conxunto de Galicia. Creo que Ourense está desprazada. É un síntoma máis ca unha situación aillada", sentenza a actriz.

Te puede interesar