PRIMARIAS PSOE

Pachi Vázquez: "Seguramente estaría mellor sen meterme, pero me arrepentiría"

OURENSE 16/11/2017 Presentacion de la candidatura de Pachi Vazquez a las primarias por Ourense, foto Gonzalo Belay
photo_camera Pachi Vázquez, onte na sede tras formalizar a súa precandidatura.

O que fora secretario xeral do PSdeG rexistrou este xoves a súa precandidatura ás primarias socialistas de Ourense

Manuel "Pachi" Vázquez Fernández (Carballiño, 1954) puxo patas arriba onte o proceso de primarias do PSOE ourensano, rexistrando de maneira totalmente sorprendente a súa precandidatura. O que foi secretario xeral do PSdeG, conselleiro ou alcalde de Carballiño volve á primeira liña política con gañas de coller o timón do partido na provincia para coselo e lograr a tal ansiada unión.

Deixou sorprendido creo que case a todo o mundo.

Ás veces, na vida hai cousas que hai que facer, obedece máis a criterios emocionais. Débolle moito ó PSOE. Creo que é necesario dar o paso, con humildade.

Foi unha decisión propia ou pedíronllo?

Sempre ven xente, pero estas decisións sempre son propias. Cando tes recorrido, pídenche que deas un paso, pero é persoal.

Foi algo repentino ou madurado?

Sempre estás co tema, pero vin como foron xirando os acontecementos e deume o impulso. 

Sae ó rescate do pachismo?

Creo que o pachismo nunca existiu. A maioría dos candidatos que se presentan saíron conmigo. Rafa é un alcalde magnífico, eu funo buscar, como a outros compañeiros. Se o pachismo tivo un sentido, foi definir á xente. Quen propón a Alfredo de O Barco para a Fegamp son eu, quen propón a Paco como alcalde de Ourense son eu. Non entendo o de pachista, son etapas.

Pero ese núcleo foi perdendo forza e integrantes?

A xente ten a súa vida política, iniciativas persoais, é algo normal.

Falou con Gonzalo Caballero?

Non.

Pode interpretar isto como unha contestación interna?

En absoluto, Gonzalo acada unha victoria rotunda, cunhas primarias que eu instaurei. Espero que sexa un bo secretario xeral, imaxino que si, que teña un recorrido cómodo e eu, gañe ou non, tentarei que o PSOE discurra pola vía máis axeitada posible. Iso non quita que non me gustase nada a decisión de pegarlle un golpe de machetazo á executiva de Raúl Fernández, que levaba oito anos sen perder unha votación. Pero iso é parte da historia, agora hai que mirar ó futuro, construír un PSOE forte, ilusionante e confluente.

Fálase moito de renovación. É vostede a persoa adecuada?

Levo oíndo a palabra renovación tantos anos que ten un valor relativo. Creo que a este proceso podo aportar unha profunda experiencia e ilusión para sumar a gañar dentro e fóra.

Pero unificar non sería máis doado con alguén non viciado?

Non me considero viciado, considérome partícipe dun pasado moi bonito. Sacamos cinco diputados por Ourense e agora temos dous, acadamos a Xunta. Fun elixido dúas veces secretario xeral e axudei a moitos compañeros a acadar responsabilidades. Pero a política non vive do pasado, senón do futuro.

Este movemento é para buscar algún cargo ou posto no futuro?

Para nada, as miñas aspiracións están cubertas. Seguramente, en clave de confort, estaría mellor sen meterme nisto, pero somos moitos os que temos unha obriga persoal de traballar por este partido. A cuota de dignidade sigue intacta e teño que seguir ata onde crea que sexa útil. Falarán os militantes, que nunca se equivocan.

Ve a carreira a catro ata o final?

Somos novatos nesta experiencia, non son capaz de vaticinar. Creo que o importante é sumar vontades, se iso se fai previamente ou posteriormente, non o sei.

Pregunto doutra maneira. Pachi Vázquez chegará ata o final ou sondeará acordos?

Cando un salta ó campo, é a gañar. O que sae a empatar ou facer cousas raras non é un gran competidor. Cando tomei a decisión, foi porque creo que podo dar unha alternativa. O que pase polo camiño non o sei.

Ve a Rafael Rodríguez favorito por ser a aposta de Caballero?

Non vai de ser home de nadie, senón dos militantes. Rafa ten capacidades suficientes para ir só.

Aprendeu algo das primarias que perdeu con Barquero?

As victorias enseñan, pero as derrotas máis. Aprendín unha cousa que sempre tiven pero que é moi importante, a humildade. En política non hai que pensar que está todo feito.

O seu proceso xudicial pode afectar?

Sempre poden influír estas cousas, pero eu confío na xustiza.

Confía en non arrepentirse de ter tomada esta decisión?

Creo que me arrepentiría de non tomala. Na vida, un ten que utilizar a intelixencia racional, pero a mín encántame a emocional. Tiña a sensación de que o debía facer.

Te puede interesar