ARTE ET ALIA

Penalta á procura da eutopía

Soledad Penalta, artista, e Xabier Limia, comisario-coordinador da exposición, na inauguración de "Utopía ou distopía".
photo_camera Soledad Penalta, artista, e Xabier Limia, comisario-coordinador da exposición, na inauguración de "Utopía ou distopía".

A artista de Noia presentase dentro do programa expositivo Estado Crítico4, cuxo eixo son as propostas que plantean conxuntamente un comisario e un artista.

Na Sala Alterarte, o espazo de arte do Campus universitario de Ourense, está a relevante escultora contemporánea galega Soledad Penalta. A artista de Noia presentase dentro do programa expositivo Estado Crítico4, cuxo eixo son as propostas que plantean conxuntamente un comisario e un artista. O ciclo "13 curator*s 13 artistas" diríxeo o profesor da UVigo Xosé Manuel Buxán, quen puxo nas nosas mans como historiador e crítico da arte a súa escolla para a quinta exposición do elenco. E o pavillón Concepción Ramón, o primeiro do Campus, convertese de novo nun lugar no que a sorpresa reflexiva, coa intelixencia creativa no eixo, procura sacarmos da compracencia coas linguaxes plásticas máis actuais. Eis desta volta unha interpelación a facermos preguntas arredor da liberdade do ser humano como individuo. O «Un mundo feliz» de Huxley, na que os individuos son creados polo Estado en laboratorios e divididos en castes, e «Vuelta al Edén. Más allá de la clonación en un mundo feliz» de Lee M. Silver, con dúas clases sociais, os genricos con xenes enriquecidos, e os naturais son  o eixo da reflexión artística de Penalta. Coa súa arte e a capacidade de anticipación, do que non está aínda dito, con pezas que funcionan máis alá de obxectos, e o seu persoal estilo. E as novas da bioloxía xenética e reprodutiva unidas na reproxenética, a recente secuenciación do xenoma postulando os seres humanos mellorados. A exposición amosa unha masa de formas metálicas no chan que semellan corpos humanos, coas súas basas-pés, fuste-tronco e cabezas, todos idénticos, tamén na súa altura. Hai un baleiro nos cranios, un oco, sen a esencia que os fai seren, e vivir. Pintados en cinco cores, e colocados como nun taboleiro de xadrez, iluminados creando sombras... Doutro lado da sala, en tres longas ringleiras na parede, hai pequenas formas metálicas con cargas individualizadas pola memoria escrita, nun almacén. Un mundo concibido polo facedor dende a deshumanización radical por condicionamento xenético. Soledad coloca finalmente na parede frontal unha gran peza plena de simbolismo, un cranio e o seu cerebro, órgano supremo que rexe o individuo e a súa liberdade. A notable peza dobre é iluminada por tras xerando así un centro, asento da vida racional, coa cor e latexos do corazón.

No pasado outubro, no canto de entrar na Real Academia Galega de Belas Artes dixo levar vivido "Tres mil douscentos seis millóns douscentos corenta e seis mil catrocentos latexos cardíacos dende o momento cero". Dende os seus inicios coa cerámica a altas temperaturas, a pedra, o ferro, o aluminio e o aceiro cor-ten, o seu camiñar ten sido un afondar na vida, sensible e asertiva ao seu entorno, implicándose co paso dos anos cada vez máis dende a idea comunicativa de muller artista e feminista avant la lettre. Unha grande dentro, e tamén nos Champs-Élyssées, París, no "Salon D'Automme"; hiperactiva, tamén nas súas figuras e textos inseridos como elemento icónico identitario. A distopía é un lugar hostil e adverso. Fronte a ela a eutopía, un lugar feliz. A utopía é un non-lugar aínda pois está no porvir...

Te puede interesar