ARTE ET ALIA

Penélope quere falar

sala0_result
photo_camera Na sala 0 do Centro Cultural, Tecedoras de sonos

A artista viguesa Ruth Lodeiro traballa coa cerámica como praxe, que complementa coa súa palabra escrita en forma de poesía en castelán, e verso libre.

Euriclea, a vella ama de cría de Ulises, é quen de recoñecelo logo de vinte anos cando chega a Ítaca. E tamén o seu can Argos, que morre logo de menealo rabo... Aquilo semella posible, mais o do velliño can non tanto. A Raíña Penélope resístese a pensar que o seu home está morto e, cal viúva de náufrago, incrédula pola súa sorte, agarda anos por el... Mais debe ter consorte. Cando Anticlea, a nai de Ulises, morre, da en tecer a mortalla de Laertes, e argalla o plan alternativo, destecendo pola noite o que fai no día. Así ata que Homero decide que abonda. Este crea a Penélope en contraposición a Ulises, é dicir, a muller que agarda, casta e fiel, un concepto patriarcal que o romanticismo espallou... Xaora é o tempo da construción feminina da propia historia, intelixencia e independencia. Mais, porque ela lémbrao, Ulises retorna. O tecido como texto en R. Lodeiro, e este faise entretecendo texto e obra (S. Penalta), que diría Barthes. A súa pasividade dende o tear é convertida en actividade nas mans de Sonia Delaunay. A heroína grega con razón tece e destece a mortalla, para vencer á Parca, pois sabe que Ulises/Odiseo está vivo. Tecer é morrer, o caos, e destecer anular o tempo, e voltar así ás orixes...

A artista viguesa Ruth Lodeiro traballa coa cerámica como praxe, que complementa coa súa palabra escrita en forma de poesía en castelán, e verso libre. Fai pezas finas cal láminas de onduladas patacas, de diferentes tamaños e cores, xuntándoas cun cordón de cor, ou arame, formando suxestivos conxuntos. Son obras fráxiles, para pendurar, ou colocar en pedestais. É a cerámica territorio das mans, e espátulas, que pasan ao forno, e se vitrifican; a man sobre o papel produce a expresión escrita dende. E o pensamento por tras. Coido que soan cando se moven, como as que poñen ante as portas ou fiestras, e que me fai pensar en clave simbólica de nós, a forza dende a delicadeza. A cerámica e a escrita son as dúas follas do seu díptico a cotío. Ela quere nesta exposición, segundo dixo, reconciliarse cos labores case exclusivos de xénero feminino, tradicións dunha terra. Dende esta base, coida que é un grito reivindicativo aos homes en concreto, e á sociedade en xeral arredor do que é o traballo da muller, e engadiu: ‘xa non chega con recoñecer (o traballo) ás mulleres, hai que implicarse e traballar con elas’. Ou por mellor dicir, hai que facer que elas traballen cos homes en condicións de igualdade, segundo a valía de cada quen. Un ‘universo o seu, que evidencia os silencios, as veladuras, dúbidas e angustias do mundo feminino como materia e fonte de creación’, baseada nelas, engade Carlos L. Bernárdez, dende o texto do tríptico. Velaquí o que da de si un mito, dende o seu percorrido histórico. Son as súas tecedoras de soños con Penélope á fronte, en clave de código co branco triángulo curvilíneo cerámico e a mancha vermella no centro, a forma feminina par excellence versus aquelo do interior intimo meo. 

Te puede interesar