MELLORAS

Pereiro e Cortiñas estarán unidas por beirarrúas

62q5475223
photo_camera Construcción das beirarrías, en Cortiñas.

As obras xa están en marcha e farán máis fácil o acceso a este último núcleo desde a capitalidade

O núcleo de Pereiro, capitalidade do municipio de Pereiro de Aguiar, e a capela do lugar de Cortiñas estarán unidos na súa totalidade por beirarrúas, coa intención de mellorar a seguridade dos peóns que empregan a diario esta vía. Con esta obra, con cargo aos plans provinciais, faise frente a "unha histórica demanda veciñal", segundo manifesta o tenente de alcalde, Manuel Doval.

As obras veñen a completar o acondicionamento deste vial, logo de que xa se colocase a iluminación ao longo do mesmo, empregando luminarias LED para o aforro enerxético.

Os traballos, que xa comezaron a pasada semana, conectarán integramente Pereiro e Cortiñas, chegando ata a capela deste último núcleo. Este camiño peonil será "unha novidade" no Pereiro, di Doval, ao estar formado por unha planchada de formigón sen bordillos e sen losetas, o que vén a mellorar a seguridade dos usuarios.

Para a consecución desta obra, prevista desde hai un tempo, foi necesaria a cesión de parte dos terreos por parte dalgúns veciños da zona, debido a que a colocación de muros de contención fai imprescindible ocupar algunhas parcelas privadas. "Hai que agradecer o xesto dos veciños para que se puidese acelerar o inicio dos traballos", destaca Doval.

Ata o momento, xa se rematou a construción dos muros de contención ao longo do traxecto e agora vén de iniciarse a construción das beirarrúas. En vindeiras datas, segundo anuncian desde o Concello, iniciaranse as obras para a construción de beirarrúas na travesía de Boeiros.

Importe e prazos

O importe da adxudicación das obras ascendeu a 68.600 euros e ten un prazo de execución de dous meses para estar rematada. Tamén está á espera agora o inicio do acondicionamento da travesía de Boeiros, cuxas obras xa foron adxudicadas por un total de 98.000 euros e que realizará á mesma empresa que acomete a obra de Cortiñas.

Tanto na travesía de Boeiros como na de Cortiñas xa remataron as obras de ampliación de iluminación pública, que tamén se acometeron na Derrasa, Cortiñas, Boeiros e Cachamuíña, cun orzamento de 114.000 euros. 

Te puede interesar