Pérez Bouza: "Non participaremos na Deputación por coherencia"

O coordinador provincial de CxG, Xosé Manuel Pérez Bouza, e a concelleira de CxG en Maceda, Ruth Parada, compareceron para debullar as decisións tomadas no primeiro Congreso do partido

O coordinador provincial de CxG, Xosé Manuel Pérez Bouza, e a concelleira de CxG en Maceda, Ruth Parada, compareceron hoxe para debullar as decisións tomadas no primeiro Congreso do partido, celebrado en Padrón a pasada fin de semana, xa que foron os dous militantes da provincia elixidos para formar parte da Executiva Nacional de Compromiso.

Pérez Bouza explicou que en Compromiso queren facer “nova política, fronte á vella política” e que, por iso, adoptaron esta drástica decisión no Congreso do pasado domingo. “As Deputacións son inútiles xa que non xeran recursos e só adican o 20% a investimentos. Son ineficaces e un niño de corrupción, polo que por coherencia non participaremos nelas se temos representación”, dixo o coordinador da formación galeguista, quen aclarou que é unha medida “para sempre”.

Ruth Parada anunciou que “non participaremos nas Deputacións” a nivel galego, e “con máis razón nesta, dominada polo clan Baltar”, cuxa forma de facer política cualificou como “falta de respecto”. Compromiso convértese na primeira forza política que anuncia publicamente a súa intención de non participar nas Deputacións, tal e como destacou hoxe Pérez Bouza, quen sinalou que “a CxG viríalle moi ben participar dos órganos provinciais para o seu financiamento propio, pero non pensa facer de coro do caciquismo 2.0 dos populares nesta provincia, como fan outros”.

Os militantes de CxG decidiron por ampla maioría non participar destes entes porque “os cidadáns saben que é ruinoso, e á vista está o Debate do Estado da Provincia, promovido por Baltar, que non serviu para nada”, resaltou o líder da formación.

O coordinador crticou a “falta de transparencia” que ten habido nas “fichaxes” de candidatos do PP para as municipais (como Os Blancos). “Que Baltar nos diga de onde saen os cartos e a cambio de que consegue estes movementos de candidatos. E tamén pode dicir cantos dos candidatos do PP traballan para a Deputación”, pediu Bouza, sinalando o candidato dos populares en Vilar de Santos.

CxG presentarase ás eleccións en máis de 50 concellos en toda Galicia e, alomenos, 12 deles estarán na provincia de Ourense.

Te puede interesar