ÁREA METROPOLITANA

A Peroxa busca casas sen habitar para rehabilitar

Quere adquirir vivendas privadas para destinalas a alugueres sociais

A Peroxa busca facerse cos edificios baleiros espallados polo municipio para integralos no patrimonio municipal do solo e poñelos en aluguer social. Os propietarios dispoñen de dúas semanas para ofertarse e que os técnicos municipais valoren a viabilidade de facer esa compra. 

O Concello peroxao quere acabar cun dos principais lastres para a repoboación do rural e o freo ao declive demográfico: a falta de edificios en bo estado. 

Así, con este plan, búscanse mercar as casas deterioradas ou en estado de abandono para posteriormente optar ás rehabilitacións, aproveitando a axuda e subvencións de outras administracións, como a Xunta ou a Unión Europea.

Os propietarios de casas en desuso e mal estado nas parroquias do municipio poderán optar a que o Concello adquira as súas propiedades, ofrecendo un prezo que sexa adecuado de acordo a dispoñibilidade orzamentaria do programa.  


CRITERIOS


Os criterios que se  valorarán o prezo das mesmas, o aproveitamento urbanístico, o custo para o arranxo do inmoble e o crecemento vexetativo da zona onde se atopa. Para a compra das vivendas hai consignada dúas partidas, que suman 40.000 euros.

"Queremos comprar as casas que se poidan, ata agotar o diñeiro consignado. Así, se podemos comprar catro casas por 10.000 euros cada unha, mellor. O obxectivo é incrementar a oferta para que a xente poida quedar a vivir no noso concello. Esperamos con este plan acadar tres ou catro casas que poidan estar a diposición de futuros residentes", indica o alcalde de A Peroxa, Manuel Seoane.


AVALIACIÓN


Arquitecto e asistente técnico municipais avaliarán os puntos (de 0 a 10), e se algún non chega a unha nota mínima de 5, será rexeitada a compra, ao entender que a compra do inmoble por parte do Concello será "inapropiada". 

Os interesados en presentar as súas ofertas terán que deixar unha fianza en forma de "garantía provisional" de 100 euros, que lles será devolta se non resultan elixidos. 

Te puede interesar