Será unha iniciativa pioneira neste municipio e estenderase durante cinco días (do 15 ao 19 de marzo)
A Peroxa terá unha pista de xeo sintético durante a vindeira Ponte de San Xosé no mes de marzo, na que se instalará un complexo lúdico con diferentes actividades para os rapaces. Será unha iniciativa pioneira neste municipio e estenderase durante cinco días (do 15 ao 19 de marzo).
Esta novidosa infraestrutura estará localizada no polideportivo Anxo Munín da Peroxa e ofrecerá unha actividade lúdica para todas as idades por un prezo de catro euros cada xornada.
O elemento estrela destas xornadas será unha pista de xeo sintético de 200 metros cadrados. Estará acompañada de varios inchables, entre os cales destaca un de 70 metros de longo. Todo iso estará acompañado de música ambiental e moita diversión para todos os que desexen achegarse a ese municipio aproveitando a ponte festiva.
A actividade desenvolverase en horario matutino de 12,00 a 14,00 horas e polas tardes de 16,00 a 20,00 horas, segundo o Concello da Peroxa, que organiza a actividade coa colaboración da Deputación de Ourense.