ARTE ET ALIA

Pintores e escultores unidos a prol da ONG "Terra de homes" no Liceo

foto1_result
photo_camera Algúns dos debuxos de Laxeiro expostos no Municipal.

Os artistas regalan unha obra para vendela a prezo baixo e unitario, e cos cartos recadados aquela asociación opera nenos africanos con grandes doenzas en España.

Hai no Liceo unha exposición solidaria a prol da protección á infancia dunha manchea de pintores e escultores coordinados polo pintor Paco Ascón, a prol da Ong ‘Terre des hommes’ que coñece na Coruña, con Tino Poza, pintor agora falecido que a promove. Ascón ben coñecido entre nós pola súa pintura luminista e realista e o seu espírito solidario no cartaz, co que se celebrou tamén en Santiago e Vigo, ademais da cidade herculina. Os artistas regalan unha obra para vendela a prezo baixo e unitario, e cos cartos recadados aquela asociación opera nenos africanos con grandes doenzas en España. Estas exposicións colectivas teñen para nós un encanto dende a asimetría da valía plástica, un aire rastro no que reaparecen obras coñecidas de Ferrer, Seidel, Pachón e T.Taboada ou César Taboada con obras feitas para o evento, caso da do propio Ascón que trata de farsa e xenocidio o que acontece en Siria, ou en contexto como Lazcano. Acudimos a vela e desfrutar da confrontación artística, con un bo gravado de Poldras, coa Medusa polo medio, e un cadro simbólico de César Prada coa Danza de Matisse; o home de paz de Carlos Pereira, xefe indio co rostro de Einstein; ‘O poder está dentro’ de Asun Adá, ben expresiva da personalidade da autora, son obras de interese xunto as de Xulio García Rivas e Xosé Vilamoure, no elenco de corenta autores que se amosan neste sobreclaustro de arte.

Cando Laxeiro era Xosé Otero no Municipal

Son obras en papel debuxadas nas primeiras décadas da traxectoria deste gran artista nacido en Lalín en 1908 e falecido en 1986, un referente daquela xeración inesquecible para a arte en Galicia alcumada ‘Os Novos’ polo Grupo Nós. Con Maside diante de todos, Colmeiro, Torres, Souto, Eiroa, Seoane e el mesmo foron un empurrón creador e savia vigorosa para a cultura e a sociedade galega nos anos trinta. Esta primeira achega do ’Laxeiro’ é o alborexar dunha praxe artística cos seus amados compañeiros creativos, o lapis e o papel, costume de mesa de cafetarías e diante de cantos motivos lle acendían o maxín. Elo sería unha constante na súa vida, e así o lembrará Prego de Oliver, máis novo, cando se crucen os seus camiños. Os apuntes e bosquexos veñen a Ourense por vez primeira, e proceden da súa Fundación. Foron tomados nas romarías e feiras ás que acudía nos anos vinte cando traballaba de barbeiro ambulante, de liña nidia e limpa ata outros das décadas de 1930/1940 xa da estética sólida e rexa do granito, exposición co comisariado de Javier Pérez Buján. Ábrese a pedagóxica mostra con dous espléndidos debuxos anatómicos dos anos 1931/32 datados no contexto e leccións da Real Academia de San Fernando de Madrid. Eles son carne e óso, literalmente, sendo así tamén as paisaxes industriais de Vigo de 1941, cando se asenta aquí o artista. A súa curiosidade é total e non rexeita os estímulos urbanos, mais o seu ser son os retratos, toda unha galería de tipos. Algún neno e a dunha muller a durmir complétana.

Te puede interesar