arte et alia

O políptico "Támega" de Barreira, arte co Vía XIV

20171210185948530_result
photo_camera O políptico "Támega", de Fernando Barreira.

Seis son, seis, a secuencia dunha obra chamada a ser icona das terras que teñen á vila de Verín por capital do norte. Alí pendura, no espazo da entrada, dende a inauguración fai uns días do IIº Festival Internacional de Curtas. Alí, no centro cultural Municipal das Artes, no marco dun evento cinematográfico relevante para a provincia de Ourense e Galicia. Arte e testemuña dende o cinema, creatividade coa mesma fotografía base das películas, como no cartaz elixido como imaxe gráfica do certame, do navarro Iñaki Fernández Iturmendi, que amosa o chocallo con lentes para ver en 3D e o negativo dun filme, posta ao día da tradición de raiceira do Entroido verinés ‘como é a choca do cigarrón’, en palabras de Jorge Godás, da coñecida saga de fotógrafos verineses, é o deseño gráfico e audiovisual do Festival. E nesta segunda edición contouse co escultor e pintor local Xosé Gómez Rivada, quen nos contaba como de neno ía ver cine proxectado nunha tea á praza. Il fixo desta volta a peza do premio especial do público, e consonte ao seu estilo ideou unha peza de notables dimensións de ferro con dúas V con remate policromado con cámara e cabeza. 

O “políptico Támega” 

Fernando Barreira é o artista multidisciplinar que o desenvolve e firma na segunda A nunha secuencia con técnica de óleo sobre táboa, con gesso, tinta, carbón, sanguina e acrílico, seis iconas do Val que fertiliza o río que flúe pola chaira, patria dos antigos Tamagani, no territorio do sur da Gallaecia, que estaba na circunscrición romana denominada Convento Bracarense... Nesa letra A 2 está Cabreiroá, e na ‘G’ vai Sousas coa Fonte do Sapo, sendo a A 1 a de Caldeliñas e a M de Fontenova..., configurando así a terra das augas e a saúde. Na T inicial, e na E, respectivamente, engade o artista senllas frases, naquela ‘Vale máis unha terra con árbores nos montes que un estado con ouro nos bancos’, de Castelao, e na segunda ‘Verín é un recuncho pequeno, pero unha historia grande’, de Xesús Taboada Chivite, ensinante e historiador verinense relevante que foi arqueólogo e máis etnógrafo. Mais na obra hai moitas máis mensaxes, referencias cultas como a de Goya, ou os peregrinos, entrenzadas cos seus minuciosos elementos ornamentais. En destaque van seis figuras núas relacionadas, entrelazadas e separadas nunha idea diferencial indiferenciada do rol de xénero: todo elo nos seis temas das letras, unha alegoría desde os seus 500 m. x 114 m., nunha obra máis alá do festival. Este foi dirixido de novo por Carlos Montero. E Barreira, dende a dinámica tripartita da idea, deseñou tres grandes piares con "más de 60 piezas individuales que forman un todo y que al girarse, con apoyo de las luces, irán marcando el recorrer del festival", como deixou dito. Os principais galardóns do FIC VíaXIV en bronce son tamén seus, a "V"; de Verín, e Vía XIV. Un políptico do tipo Il était une foi, que podería seguir medrando para o Támega, en Portugal, e Chaves, con-capital con Verín da Eurocidade da Unión Europea.

Te puede interesar