ENTREVISTA

"Os pontinos herdamos o espírito de Canedo, somos reivindicativos" 

Manuel Domínguez. Canedo.
photo_camera Manuel Domínguez, autor da web "Canedo.eu".

Manuel Domínguez, veciño de A Ponte, é o autor da páxina web "Canedo.eu"

Manuel Domínguez (Canedo, 1938) quítalle importancia a que os colexios utilicen a  súa páxina web como material didáctico. Detrás de "Canedo.eu" está a lembranza 2.0 do histórico Concello ao outro lado do río que en novembro cumpriu 75 anos dende a fusión con Ourense. "Sería un absurdo pretender volver cara atrás a actuación política daquel momento, por moito que daquela fose unha cacicada e unha imposición. Sen embargo, o que non nos pode impedir ninguén é que sigamos pensando que Canedo existe", escribe o autor e recoñecido veciño de A Ponte. 

Quen é Manuel Domínguez? Un veciño máis? Un máis reivindicativo? Por que está tan vinculado aínda a Canedo?

Eu son nativo de A Ponte. Todos os pontinos somos un tanto reivindicativos, polo menos os da miña xeración. Queiras ou non, herdamos algo daquelas rencillas que había entre Ourense e Canedo. Racionalmente non, considerámonos ourensáns e non hai problema ningún. Pero penso que queda aínda ese fondo de que hai que reivindicar Canedo, pero é unha cousa máis sentimental. Eu nacín aquí, traballei toda a vida aquí. Cando me xubilei, quixen facer un sitio web adicado a Canedo, é un dos meus retos persoais.

Canto leva coa páxina?

Dende 2006. Tiven que estudar código HTML de xubilado e aos dous meses empecei coa primeira entrada, moi cutre.  Unha das primeiras cousas que puxen foi nun plano da evolución de Ourense.

E a documentación?

De libros e de Internet. E as bibliotecas de Ourense, téñoas todas pateadas.

Sorprendeulle algún aspecto de Canedo atopado na documentación que non coñecía?

Non. Creo que todo o coñecía.

Que recorda de Canedo?

Eu era un neno. Cando se fixo a fusión recordo que o falaban os maiores. Había xente moi contenta e outros non. Aos meus pais gustáballe a idea, era comerciante e tiña unha visión máis ampla.

Canedo ten aínda unha pegada moi forte nos veciños. Por que cree que perdurou o sentimento?

Porque tiña unha personalidade moi marcada. A xente de aquí era moi consciente de que era dunha localidade que en poucos anos collera a importancia de Ourense, non a política ou a oficial, pero económicamente foi moito máis que Ourense. Había moita actividade. En Ourense, para o comercio ao menudeo si, pero os grandes financieros estaban aquí en A Ponte. Tiñamos correo, o cementerio, o xulgado, o campo da feira...

A Ponte destaca polo seu asociacionismo veciñal. É un vestixio de Canedo esta "conexión de barrio"?

Había que unirse porque estabamos separados da cidade, por iso supoño. Había dúas sociedades importantes, a recreativa e a Troya.

Que recuperaría daquel espírito?

Non se pode recuperar aquilo, estamos noutra época. Serve para recordar.

Foi empresario de comercio. Verá que A Ponte e outros barrios da cidade están perdendo negocios históricos...Que pensa?

O comercio local, lamentablemente, está condenado. 

Te puede interesar