ENTREVISTA

Pontón: "A política de Feijóo en sanidade está poñendo en risco a vida das persoas"

ana_ponta3n06_result
photo_camera Ana Pontón xesticula durante a conversa, o mércores no Tragaluz.

"A alternativa é o BNG. Ourense necesita cambio", asegura a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón 

Por primeira vez en dúas décadas, o BNG quedou fóra en 2015 do Concello de Ourense e do Congreso dos Deputados. Ana Pontón (Sarria, 1977) tomou as rendas da formación meses despois, salvando un "match ball" en forma dunhas autonómicas nas que lograron remontar unhas pésimas enquisas. Agora a tendencia é outra -"somos unha forza política á alza"- e, mentras voltan ao fogar históricos nacionalistas, a fronte colle músculo de cara as municipais. Alí, o BNG esgrimirá a súa xestión -"con proxectos que transforman a vida da xente"- en bastións como Pontevedra, Allariz, Bueu... para pedir "o voto do cambio". A portavoz nacional avanza que o seu partido medrará e vai máis alá: "Será o primeiro paso para desaloxar a Feijóo, e para que sexa o BNG quen lidere ese cambio". 

Antes das autonómicas, quitará no 2019 a esquerda ao PP a única cidade que goberna en Galicia?

O PP é  sinónimo de parálise, de falta de proxecto. Puxo a Ourense en estado catatónico. Queremos cambiar esa realidade. Nin o goberno nin a oposición estiveron á altura.

Critica a dereita e esquerda.

Ninguén estivo á altura, e o goberno foi un desgoberno. A alternativa é o BNG. Ourense necesita cambio. 

O BNG estivo no goberno en Ourense, e acabou sendo severeramente castigado nas urnas. 

É evidente que cometimos moitos erros, e aprendimos deles. Este é un proxecto renovado. Hai unha maioría na cidade que ve con desesperación que no Concello de Ourense non haxa respostas, que o Concello é parte do problema. Os cidadáns poden confiar en nós porque somos unha forza política seria. O noso proxecto non é un eslogan. 

Os problemas de En Marea e PSdeG benefician ao BNG?

Non estou para facer oposición da oposición, eso faino perfectamente o PP. O único que digo de En Marea é que agardo que teñan a suficientemente madurez e altura de miras para ser capaces de solucionar os problemas internos, que existen. 

Non critica aos posibles socios?

Ese é o marco que lle interesa ao PP: "A oposición é unha lea". Pero non é real. Se queremos falar de leas, dame a sensación que hai unha soterrada no PP importante... que pode explicar, en parte, a espantada de Feijóo cando o chamaban de Madrid.  Veremos o día que estoure. En todo caso, o resultado electoral do BNG dependerá do ben que o fagamos, non do mal que o fagan os outros. 

E que quere facer o BNG?

Somos moi útiles. Vese estes días, por fin o debate galego aparece no Congreso coa transferencia da AP9, unha iniciativa do BNG. Facemos máis dende a oposición sen estar en Madrid que os 24 deputados que temos alí. É unha reflexión importante: para que nos serven representantes no Congreso que cando cruzan o Piornedo olvídanse da Galiza.Temos residenciada a representación en forzas estatais que amosan que Galiza lles importa un bledo.

Será tarefa entón do BNG convencer aos galegos. 

Creo que o BNG é máis necesario que nunca. Levamos anos nos que Galiza está conducida á irrelevancia política, sen ningún peso, subordinada á estratexia e ambición de Feijóo. Aos galegos interésalles recuperar voz propia en Madrid. Galiza non pode pasar outros catro anos desaparecida do debate estatal. En Cataluña, Valencia ou Euskadi conseguen inversións e aquí so temos recortes e o ano que vén un tarifazo que fará que paguemos a luz máis cara do Estado.

Sánchez tamén maltrata Galicia?

A moción de censura era necesaria, o ambiente no Estado era irrespirable pola corrupción. Pero vimos coma o sopro de aire fresco quedouse niso, nun sopro. Non hai un cambio sustancial máis alá de anuncios. A única palabra que se me ocurre é decepción. Non é de recibo que Sánchez sexa continuista con Rajoy respecto á Galiza: veto á tarifa eléctrica galega, sen cambios co Pazo de Meirás, suben as peaxes… só nos din que van cumprir coa chegada do AVE, tras un retraso de 20 anos. ¡E esperan que con esto tiremos bombas de palenque! Pois non, é a constatación dunha discriminación. 

Como rematará a crise que vive agora mesmo a sanidade galega?

Levamos anos alertando das graves consecuencias do deterioro da sanidade. E ten un responsable: Alberto Núñez Feijóo. É o responsable do programa privatizador que fracasou, e dun plan de desmantelamento da sanidade pública. A morte dunha persoa nun PAC por non ter médico, a dimisión de xefes de servizo porque non poden "xestionar miseria"... Os profesionais levan anos aguantando para que os recortes non se noten. Pero chega un momento en que están exhaustos. As políticas de Feijóo están poñendo en risco a vida das persoas.

Debe dimitir o conselleiro?

É parte do problema. Pero coa mesma política sanitaria, da igual cambiar caras. Ou muda a política, ou o que ten que marcharse é Feijóo.

A nosa demografía é un suicidio.

A raíz do problema non se vai atallar con vellas políticas natalistas que veñen do franquismo e so dan titulares. Se non poñemos en marcha un novo modelo produtivo para Galiza, a situación irá a peor. 

E o rural?

Feijóo dicía que esta ía ser a lexislatura do rural, e en realidade é a do seu abandono. Este goberno non ten proxecto de país. O rural ten futuro? Si, si se fan as políticas adecuadas. Necesitábase un proceso de modernización, e houbo un de destrucción. Nos queremos un modelo alternativo, e pechar os ciclos produtivos aquí. A pataca da Limia non só temos que vendela, hai que facer unha industria. Eses proxectos a Xunta nin os ten ni os imaxina. Galiza necesita un grupo lácteo, necesita emprego, necesita cambiar un modelo forestal que está ao servizo de Ence, que enche o país de eucaliptos.

O descurso case que é apocalíptico. Pero se a situación de Galicia é tan terrible, por que Feijóo encadea maiorías?

Trump tamén gañou con maioría, e non crexo que sexa un modelo de goberno positivo. As maiorías non dan nin quitan razón, hai outros factores. As maiorías non avalan que un goberno o fai todo ben. Dende que chegou Feijóo: menos emprego, máis paro, máis precariade, emigración de 275.000 persoas… se eses síntomas non fan saltar as alarmas sobre os problemas que ten Galiza...se un pensa que por gañar eleccións vanlle ben as cousas ao país…

Pero o electorado avala ao PPdeG, non si?

Nós temos que convencer a moita xente do noso proxecto. Se tiveramos uns medios públicos plurais, onde houbera debates e se nos escoitara máis, seguro que algo máis de eco tamén teríamos. 

E a autocrítica?

Fixen, fixemos, moita autocrítica. E o BNG ten capacidade para recoñecer os erros e aprender. Pero a nosa valoración do goberno de Feijóo está aí. Ou apostamos polo propio ou non seremos capaces de saír do buraco onde nos meteu a dereita.

Te puede interesar