AUDIOVISUAL

Catro noites de cine nas rúas da cidade

“A lección” abrirá este sábado o ciclo de proxeccións, incluido no programa de actividades saudables “Ociourense Xove 2017”

O Concello de Ourense iniciará este sábado unha nova proposta de lecer para as fines de semana: “Noite de cine na rúa”, un ciclo de 4 proxeccións dunha escolma de películas de cine internacional que se realizarán os sábados ás 22:00h na Praza Maior (escalinata de Santa María Nai) e no bulevar termal das Burgas. Son pases gratuítos de películas de especial interese, elixidas pola súa temática e calidade artística, no marco de programa de actividades de lecer para a mocidade “Ociourense Xove 2017”.

Sábado, 29 de abril, 22:00h, Praza Maior (escalinata de Santa María Nai)

A lección, Kristina Grozeva e Petar Valchanov (Hungría, 2014)

Sinopse: Nun pequeno pobo de Bulgaria, Nadezhda, unha nova profesora, trata de descubrir ao alumno que rouba na súa clase, de maneira que poida ensinarlle unha lección achega do que está ben e o que está mal. Pero cando se endebeda cuns prestamistas sen escrúpulos empeza a cuestionarse ela mesma cal é o camiño correcto

Sábado, 13 de maio, 22:00h (Bulevar termal das Burgas)

Anomalisa, Charlie Kaufman, Duke Johnson (EE.UU, 2015)

Sinopse: A película ten por protagonista a un motivador profesional que, canto máis axuda á xente, máis monótona e anódina é a súa vida; todo o mundo parécelle e sóalle igual. Ata que a voz dunha moza sóalle diferente e está disposto abandonalo todo e a todos por alcanzar a felicidade con ela. Película de animación escrita por Charlie Kaufman

Sábado, 27 de maio, 22:00h, Praza Maior (escalinata de Santa María Nai)

La nostra vita, Daniele Luchetti (Italia, 2010)

Sinopse: Claudio é un albanel que está moi namorado da súa muller e espera a chegada do seu terceiro fillo. Con todo, cando un golpe inesperado do destino cambia a súa vida, Claudio afrontará con rabia a inxustiza persoal e social que se abateu sobre el.

Sábado, 10 de xuño, 22:00h (Bulevar Termal das Burgas)

A cidade dos nenos perdidos, de Jean-Pierre Jeunet, Marc Caro (Francia, 1995)

Sinopse: Sobre unha plataforma mariña perdida na néboa, o malvado Krank envellece prematuramente, pois carece dunha calidade esencial: a facultade de soñar. Por esta razón, rapta aos nenos da cidade para roubarlles os seus soños.

18 actividades de lecer saudable. Oicourense Xove, na súa sétima edición que botou andar a semana pasada, agrupa un total de 18 actividades saudables dirixidas a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos de idade para o seu tempo de lecer. Será durante as fins de semana dos meses de abril, maio e xuño, e inclúe campos tan diversos como o deporte, a música, a fotografía, o baile, o cinema ou a cociña, entre outras. Todo cunha oferta de doado acceso e moi diversificada para encaixar con posibles afeccións e adecuada aos momentos de venres e sábado.

Toda a información está na web www.ociourense.es

Te puede interesar