poesía

Primeira antoloxía de poetas ourensás vivas

"Cada vez hai máis voces femininas da provincia na poesía contemporárea. había que xuntalas dalgunha forma"

Calpurnia AbanaAeboso foi a primeira muller coñecida con nome e apelidos en Auria. Agora tamén dará nome á antoloxía de dez poetas ourensás contemporáneas que se publicará, previsiblemente, no mes de marzo de 2019, un día despois do Día Internacional da Muller.

"Calpurnias. Mulleres poetas ourensás" é un recopilatorio de poemas que publicará a editorial Cuestión de Belleza, tamén ourensá. A impulsora do proxecto literario é a poeta Yolanza López, que formará parte do libro. Completan a listaxe de escritoras locais Celia Parra, Alba Cid, Arancha Nogueira, Chus Pato, Montserrat Villar, Rosa Enríquez, Rochi Nóvoa, Raida Rodríguez e Marina Sánchez. "Hai posibilidade de que se sume unha máis, pero aínda non está confirmado", adianta a coordinadora da antoloxía.


Todas as xeracións


As voces femininas do libro son moi diversas e compartirán poemas diferentes xeracións: dende os anos 50 ata os 90 hai representación. "Deime conta de que o número de poetas contemporáneas en Ourense vai en aumento. Pensei que había que conseguir facer unha antoloxía. Nunca se publicara unha sobre as poetas ourensás vivas, e en galego. É tamén unha reivindicación da nosa lingua", indica Yolanda López. En total, cada poeta encherá catorce páxinas cos seus versos.

"Creei un grupo de conversa e vin que todas usaban as redes sociais, que tamén é unha característica. Ademais, coincide que, dalgunha maneira, somos emigrantes da nosa matria Auria. Polo menos oito de nós vivimos fóra", destaca a coordinadora de "Calpurnias. Mulleres poetas ourensás".

A data para presentar esta antoloxía é unha reivindicación máis: o 9 de marzo, o día posterior ao adicado á muller, visibilizando a existencia destas mulleres con orixes na provincia que fan poesía contemporánea. "Fíxome moita ilusión coordinar isto e está sendo moi emocionante", expresa Yolanda López, que se aventura na primeira antoloxía poética que dirixe, xa que antes só se adicara a proxectos individuais. "Foi moi fácil contar con elas, portáronse moi ben e gustoulles a idea dende o principio", engade.


Un recital para coñecerse


Da a casualidade de que non todas as poetas da antoloxía se coñecen en persoa. O primeiro encontro producirase este sábado, ás 19,30 horas, no local de El Cercano, na rúa Cardenal Quevedo. 

Varias das ourensás recitarán poemas nunha cita que será a primeira de moitas. "Seguro que será un momento emocionante", di Yolanda López. 

Te puede interesar