Sanidade

A provincia de Ourense contará con 181 puntos de vacinación para a campaña da gripe

Unha das novidades desta campaña é que se lle ofrecerá aos traballadores sanitarios a opción de recibir a vacina cunha semana de antelación con respecto á poboación

Baixo o lema "Contaxia a túa enerxía e non a gripe" a campaña de vacinación contra a gripe, que comeza este luns, 22 de outubro, prolongarase durante dez semanas de xeito continuado, ata o vindeiro 28 de decembro.

A Consellería de Sanidade adquiriu este ano un total de 608.000 doses, 48.000 máis que a pasada campaña, e destinou un orzamento que ascendeu a 2.183.220 euros. Os responsables sanitarios consideran que para acadar os obxectivos de cobertura en Ourense ao longo de toda a campaña,  haberá que administrar unhas 63.000 doses.

Entre os obxectivos específicos destaca acadar unha cobertura do 65% na poboación de 65 ou máis anos e, ao igual que nos últimos anos, farase un especial fincapé na vacinación do persoal sanitario, no que se quere conseguir unha cobertura superior ao 40%.


Introduciuse unha das novidades da campaña, que consistiu en ofertarlle aos traballadores deste colectivo a oportunidade de vacinarse cunha semana de antelación con respecto á poboación para así poder afrontar o inicio da campaña de vacinación xa protexidos fronte a esta enfermidade, evitando o risco de transmisión da gripe aos seus pacientes


A provincia de Ourense conta cun total de 181 puntos de vacinación, nos que haberá vacinas dispoñibles durante as 10 semanas que dure a campaña, polo que esta pode levarse a cabo dun xeito progresivo evitando aglomeracións nos primeiros días.

Outra das novidades deste ano é a utilización da vacina antigripal tetravalente, que se vai empregar en dous grupos de poboación: nas mulleres embarazadas e nos menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco.


Poboación diana  


A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe.

Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.

Está previsto que a partir da terceira semana da campaña, se desenvolva o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada activa.

Os profesionais de enfermería chamarán á poboación entre 65 e 74 anos que non teña posta a vacina a esa altura da campaña. Ademais establécense axendas de citación especial para vacinación e realizarase vacinación aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.

A vacina antigripal non só evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.


Datos da pasada campaña


Ourense continúa a ser a provincia cos niveis máis altos de cobertura. En 2017 acadouse unha porcentaxe do 62,32 %, máis de 4 puntos por riba da media galega e mellorando os resultados con respecto á campaña de 2016.

Na pasada campaña, na provincia ourensá notificáronse 5.266 casos de gripe, dos que 169 foron ingresados (o 46% non estaban vacinados)  e se rexistraron 8 falecementos.

Te puede interesar