TERMALISMO

A provincia de Ourense, entre os principais destinos termais de Europa

Manuel Baltar agradeceu á asociación a aprobación da candidatura da provincia de Ourense para formar parte da rede termal máis importante de Europa

A Asemblea Xeral da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), reunida onte en Salsomaggiore (Italia), aprobou o ingreso da provincia de Ourense en dita organización, “o que supón un pulo importante para a internacionalización do noso termalismo e da “marca Ourense”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no decurso do acto.

Manuel Baltar agradeceu á asociación a aprobación da candidatura da provincia de Ourense porque, dixo, “formar parte da rede termal máis importante de Europa favorecerá de maneira determinante o posicionamento, a promoción e a difusión das singularidades do noso termalismo e da “marca Ourense”.

Pola súa banda, os directivos da asociación felicitaron ao presidente da Deputación de Ourense polo labor que realiza na potenciación da riqueza termal da provincia por medio do plan “Ourense, a provincia termal” e pola documentación presentada na candidatura, na que se inclúe un estudo dos valores históricos, termais, culturais e turísticos da provincia ourensá.

A adhesión a Asociación europea de cidades históricas termais enmárcase dentro das actuacións contempladas no Plan Termal, que contempla entre as súas medidas a participación en redes e establecemento de alianzas. Deste xeito, a provincia de Ourense entra a formar parte dunha organización na que xa están presentes 40 membros de 13 países, e na que se atopan cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia cidade de Ourense, unha das fundadoras, ao tempo que forma parte do Itinerario Cultural Europeo das Cidades Históricas Termais.

Precisamente, no pleno do pasado mes de abril a Corporación Provincial aprobou a adhesión da Deputación de Ourense á Asociación Europea de Cidades Termais Históricas. Previamente á aprobación de hoxe por parte da asemblea xeral, o comité executivo deste organismo, reunido en París en maio, coa presenza de Mario Crecente, redactor do plan "Ourense, a provincia termal", xa ditaminara a aprobación da candidatura ourensá.

Te puede interesar