literatura

Pura Vázquez, a pioneira "verdadeira" na literatura infantil

<p></p>
photo_camera Acto de entrega do premio Pura e Dora Vázquez, o pasado mes de xaneiro.

Deputación e Pen Clube homenaxean a ourensá en San Francisco

O centenario do nacemento da escritora Pura Vázquez será o eixo dunha serie de homenaxes que arrancan hoxe cun acto promovido dende a Deputación de Ourense e o Centro PEN-Galicia. A partir das 11,30 horas, o cemiterio de San Francisco encherase de poesía para reivindicar a figura da escritora e mestra do Polvorín.

"Nestes tempos intentamos que as mulleres estén presentes, e a Pura Vázquez tocáronlle momentos duros na súa biografía", relata Luis González Tosar, presidente de PEN-Galicia. O obxectivo do acto, que coincide co Día das Letras Galegas, é honrar a memoria da "primeira muller que comezou a publicar en galego en revistas e xornais de Galicia, principalmente de Ourense. Xunto á súa irmá Dora, foron as verdadeiras pioneiras da literatura infantil e xuvenil", reclama Tosar, un recoñecemento "que se lle concede erroneamente a outros nomes da literatura galega".

"Peregrino de amor" foi o primeiro libro de poemas de Pura Vázquez, publicado no 1943. "É curioso porque inclúe nove poemas en galego, é un caso insólito. De aí a necesidade de reivindicar a súa obra e o seu legado", di Tosar.


Recital e ofrenda


"O importante do acto é que se adhiren tódalas fundacións de escritores da cidade", destaca o presidente de PEN-Galicia. O acto de conmemoración do centenario da ourensá contará ca participación de diversas personalidades institucionais. O alcalde, Jesús Vázquez, e a Valedora do Pobo, Milagros Otero, intervirán no acto. Dúas mulleres vinculadas á cultura en Ourense recitarán poemas da homenaxeada. Tamén participa a Real Banda de Gaitas e haberá unha ofrenda floral para rematar o evento. 

A primeira dunha serie de honras polo centenario

A Deputación de Ourense aposta por reivindicar o legado da mestra e escritora ourensá Pura Vázquez, cando se cumpren 100 anos do seu nacemento. Aínda que veu ao mundo un 31 de marzo, dende a entidade escollen o Día das Letras Galegas para destacar o importante papel da homenaxeada na lingua e na litetarura galega. É o primeiro dos actos organizados pola Deputación, que se prolongarán durante todo o ano.

Te puede interesar