PREMIO DE LITERATURA BLANCO AMOR

Queipo: “Estou feliz de formar parte desta saga de gañadores"

<p></p>
photo_camera Doval, Gómez-Villar, Iglesias, Villanueva, Fernández, González Tosar, Requeixo e Martínez Bouzas.

O escritor santiagués gañou a XXXIV edición do premio Blanco Amor coa obra "Os Kowa" 

"É o premio con máis solera e máis importancia dos que se presentan en Galicia, así que ter gañado o Blanco Amor é para min unha satisfacción moi grande, ao pasar a formar parte dun catálogo de gañadores abrumador. Estou moi feliz de pertencer a un colectivo de escritores representantes dunha literatura puxante e moi importante". Así se expresaba onte ,dende Bruxelas, onde reside, o feliz gañador da XXXIV edición do premio de novela longa "Eduardo Blanco-Amor", Xavier Queipo. O escritor santiagués, aínda que de orixe materna en Padrón, foi elexido polo xurado do premio, que convoca a Deputación de Ourense, como indiscutible gañador pola súa obra "Os Kowa".

"É unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais de respecto pola diversidade e pola natureza. Está narrada con brillante oficio e dela destaca a súa calidade”, segundo Malores Villanueva, profesora e secretaria do xurado que, ademais, estivo formado por Luis González Tosar e Bieito Iglesias, escritores; e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas.

Xavier Queipo define a súa novela como "unha novela típica de selva, sos seus paisaxes, a botánica e encontros con outras culturas. Fala da tolerancia, da reflexión da posición individual no mundo". O protagonista da historia é un vello coñecido dos seguidores deste escritor, o biólogo Francis, quen xa protagonizou o anterior libro "Malaria sentimental" e que, probablemente, sexa o centro dunha terceira parte. "Outros escritores elixen un detective para a súa saga, eu elexín un biólogo". Tal vez teña algo que ver que Xavier Queipo sexa biólogo", di.

O próximo martes será a entrega do premio nun acto literario que contará coa presenza do gañador, "xa teño o billete, a ocasión o merece, sen dúbida". O Blanco Amor está dotado con 12.000 euros máis unha escultura de Acisclo Manzano como obsequio.

Te puede interesar