ENTREVISTA - CULTURA

“Quixera que a música de raíz galega supere o campo do folclore"

Entrevista a Manuel Herminio Iglesias en Seixalbo
24-2-17
photo_camera Manuel Herminio Iglesias en Seixalbo.

Manuel Herminio Iglesias Vázquez presenta hoxe o seu segundo libro, que leva por título "Rosas e craveles". A presentación terá lugar ás 20,00 horas no local de Agromadas, en Seixalbo

Manuel Herminio Iglesias Vázquez presenta hoxe o seu segundo libro, que leva por título "Rosas e craveles". Publicado coa editorial 2 Acordes, trátase de "50 + 1 Pezas para guitarra", coas que o autor tenta que a música galega gañe novos espazos. A presentación terá lugar  ás 20,00 horas no local de Agromadas, en Seixalbo. 

Por que 50+1 piezas?

Este é o segundo libro que escribo con pezas de guitarra clásica basado no folclore galego que alarguei e armonicei segundo o meu criterio. O libro está dividido en catro partes con temas tradicionais, autores propios e un apartado de composicións de outras zonas do mundo. A peza +1 está adicada ás Letras Galegas do pasado ano pero o libro saíu da imprenta casi en decembro do 2016. É de Fuxan os Ventos con texto de Manuel María.

Como xurdiu este proxecto?

Esta idea hai moito que a madurei. Estudei guitarra clásica no Conservatorio de Ourense xa de maior e despois empecei a traballar neste campo da guitarra porque detectei que había moitísimo material. Conectei casualmente cunha profesora do Conservatorio de Santiago, Isabel Rei, e ela animoume a publicar . Así empecei e agora que xa estou xubilado vou a seguir a traballar nisto. 

Cal é o obxectivo?

É unha satisfación persoal, e o meu obxectivo é que a música tradicional e de raíz galega supere o campo do folclore e gañe novos espacios. Eu quero que entre nas Escolas de Música e nos conservatorios e que o alumnado teña a posibilidade de interpretar pezas galegas e, ao igual que noutros lugares do mundo, escoite e execute sen complexos o seu patrimonio Por outra banda, tamén vai dirixido a guitarristas que teñan curiosidade polo material baseado no acervo cultural galego de modo que podan coñecelo, interpretalo e tamén ensinalo. Síntome contento porque no Conservatorio de Santiago de Compostela incluíron algunhas pezas miñas. 

Algún máis en marcha?

Si. Despois de "Froles d'ouro" e "Rosas e craveles", teño tres ou catro máis, que supoño editarei dentro dun ano. Un será de 20 temas para guitarra, feitas por min. Estou mirando agora o formato no que se pode editar tendo en conta que estas obras algún día terán valor.

Te puede interesar