150 ANIVERSARIO

A Real Academia Galega recoñece a “Gramática" de Saco e Arce

Exposición conmemorativa, charlas de expertos e unha mesa redonda, entre os actos do 150 aniversario

A Real Academia Galega celebrará mañá, en Ourense, os 150 anos da publicación da primeira gramática galega elaborada con criterios científicos. A xornada arrincará no IES Otero Pedrayo coa inauguración dunha exposición conmemorativa e continuará cunha homenaxe ao seu autor, Juan Antonio Saco Arce, aberta a todo o público.

O programa pretende achegar o público á figura do lingüista ourensán e á súa obra no contexto do seu tempo, cuxa pegada chega á actualidade. "Saco Arce inaugura a tradición gramatical galega cunha gramática dun altísimo nivel para o seu tempo. Como gramáticos, recoñecémonos nel, non só como o primeiro senón como o grande antecedente que temos", salienta a coordinadora do Seminario de Gramática da RAG, a académica Rosario Álvarez.

A Gramática gallega viu a luz en 1868, saída do prelo de Soto Freire, o mesmo que cinco anos atrás imprimira os Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Aínda que a súa popularidade non é comparable, a obra de Saco Arce é tamén un texto fundador cuxa importancia a Real Academia Galega quere lembrar co gallo desta efeméride. "Saco Arce merece ser recordado como un home do Rexurdimento", salienta Rosario Álvarez.

Xa pola tarde, a partir das 16,30 horas terá lugar a homenaxe organizada polo Seminario de Gramática da Real Academia Galega. Sete voces expertas trazarán o perfil biográfico de Saco Arce e afondarán na súa Gramática desde distintas perspectivas.
Por último, ás 18,00 horas, outros catro convidados afondarán no xurdimento da Gramática nunha mesa redonda moderada polo académico Xosé Luís Regueira. 

Te puede interesar