FORO

Relatores das universidades de Vigo, Santiago e Barcelona e do TSXG estarán no II foro de Comunicación de Ourense

O programa inclúe, como novidade, tres talleres prácticos para emprendedores e pemes

Relatores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Barcelona e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) participarán no segundo foro da Comunicación de Galicia, organizado pola Deputación de Ourense. Terá lugar o 20 de novembro no recinto feiral de Expourense.

O programa foi presentado en rolda de prensa polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e polo director de Expourense, Alejandro Rubín, e inclúe relatorios sobre formas de comunicación publicitaria e necesidades das pequenas e medianas empresas, a situación profesional dos especialistas de comunicación; e debates sobre igualdade de xénero nos medios de comunicación e sobre a situación dos profesionais nos gabinetes institucionais.

Entre os relatores, atópanse os profesores da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Soengas e Miguel Túñez; da Autónoma de Barcelona Elvira Altes Rufias; e profesionais de medios de comunicación de Ourense, ademais dun representante do TSXG que non foi concretado.

Licenciados na facultade de ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo protagonizarán as presentacións de varias experiencias "de éxito de emprendedores" no ámbito da comunicación, como os proxectos Pontevedra Viva, Ekinocio e a que xa conta con 16 anos de experiencia Digitaller, continuadora de Moderamedia.

TALLERES PRÁCTICOS

Pola súa banda, Alejandro Rubín referiuse á novidade de incluír neste segundo foro tres talleres prácticos: un para emprendedores, impartido polo presidente da Asociación de Mercadotecnia de Galicia, Xosé Luis Reza; outro sobre como activar a participación nas redes sociais, a cargo de Diego Rivera, director dunha empresa do sector; e un terceiro a cargo da profesora de Dirección e Comunicación da Universidade de Vigo María Isabel Míguez.

Por outra banda, Baltar Blanco aludiu á posibilidade de que este foro, que continuará con periodicidade anual segundo anunciou, pase a incluír tamén a convocatoria do premio Aurelio Carracedo de periodismo, que organiza a Deputación de Ourense dende hai unha vintena de anos e premia traballos xornalísticos tanto escritos como audiovisuais.

Te puede interesar