Arte et alia

Retratos do noso cine de Xulio Gil, un dó de peito

"Retrato maior do noso cine"
photo_camera En primeiro termo algúns dos pioneiros falecidos, pormenor destacado.

Son as súas caras ben coñecidas polos que gustan do teatro e do cine, efixies populares por ter aparecido nas series da televisión galega

Unha manchea de actores e actrices dispostos formando un friso conforman o Parnaso do audiovisual galego na exposición do centro cultural Marcos Válcarcel. Inaugurada un día antes do inicio do OUFF2018, que rematou o pasado fin de semana, permanecerá até Reis prolongando o Festival de Cine co seu ronsel. É unha produción propia do certame de cine para a sé física do mesmo, desta volta a Deputación, sendo os seus responsables Aurelio Gómez e Miguel Anxo Fernández, de quen foi a dirección artística.

“Retrato maior do noso cine” amosa dende os rostros en branco en negro un imaxinario colectivo. Son as súas caras ben coñecidas polos que gustan do teatro e do cine, efixies populares por ter aparecido nas series da televisión galega. Para a escolla dos protagonistas desta mostra buscouse que todos foran nados antes de 1960, vivos e participes do noso capital humano. Con este fío invisible pódense contemplar os retratos de Pilar Pereira (Santiago, 1937) e Manuel Lourenzo (Ferreira de Valalouro, Lugo, 1943), os máis vellos, até Laura Ponte (Buenos Aires, 1958), Cándido Pazó (Vigo, 1960) e Quico Cadaval (Ribeira, A Coruña, 1960), os máis novos do elenco. É unha ollada coincidente co ánimo fundacional do festival, co desexo historiográfico de fixar visualmente unha xeración excepcional do audiovisual do noso país. 

Son Mabel Rivera (Ferrol) e Uxía Blanco (Touro, A Coruña), ámbalas de 1952, dúas das pioneiras da televisión, papel que lle cumpre tamén a Manuel ‘Manquiña’ (Manuel Juan Francisco del Cristo de la Victoria Prieto Comesaña, Vigo, 1953), Antonio Durán ‘Morris’ (Antonio Segundo Durán Moreiras, Vigo, 1959), Xulio Lago (Vigo, 1946), Mela Casal (Boqueixón, A Coruña, 1948), Gonzalo Uriarte (A Coruña, 1952), José Ángel Egido (Redondela, 1953), Xavier R. Lourido (Ferrol, 1960), Afonso Agra (Arzúa, A Coruña, 1959), e Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959), Antonio Mourelos (Lugo, 1959), Chete Lera (A Estrada, 1949), Celso Bugallo (Sanxenxo, 1947), Celso Parada (Moaña, Pontevedra, 1958), Nancho Novo (Venancio Manuel Jesús Novo Cid-Fuentes, A Coruña, 1958), Francis Lorenzo (Pontevedra, 1960). Con eles están Luisa Merelas (A Coruña, 1958), María Barcala (Vila de Cruces, Pontevedra, 1957), Luma Gómez (Ferrol, 1951), Antonio Simón (A Coruña, 1949), Eduardo R. Cunha ‘Tatán’ (Redondela, 1954), Miguel Borines (Vigo, 1959), César Cambeiro (Carnota, 1958), e así até trinta e tres nomes. Desta terra, Vicente Montoto (1943) e Paco Campos (1955) con Rosa Álvarez (Carballeda de Avia, Ourense, 1950) e Casilda Alfaro (Ribadavia, 1957).

Da vila capital do Ribeiro foi tamén Ernesto Chao (1943-2018), un dos oito falecidos que tamén se inclúen na exposición. Esta é visible dende a entrada, liberada das esculturas e pinturas que a condicionaban, remodelación do espazo co que hai un continuidade cara a sala 0 do fondo, efecto buscado. Xulio Gil Rodríguez (Ambía, Baños de Molgas, 1954), un grande da fotografía, respondeu con excelencia á encomenda da organización do OUFF, que visitou aos retratados nun tempo de récord para dar referencia ao Olimpo do noso star system e presentalos en plano americano e gran formato. É, sen máis, o canon en re maior do noso cinema galego.

Te puede interesar