LA TRIBUNA

Rúa Padre Feijóo

20180623194459393_result
photo_camera Casa no número 12 da rúa Padre Feijóo, de Arturo Noguerol.

Na segunda metade do século XIX prodúxose a modernización e ampliación do atrativo casco vello de Auriabella, promovéndose a desaparición das portas da cidade, creándose a rúa do Progreso, a aparición do tren Zamora–Ourense, inaugurándose construcións cara ao norte coa rúa do Paseo e a de Padre Feijóo cara ao sur, uníndose á Praza Maior pola rúa Bispo Carrascosa e continuando pola rúa Pelouriño (Colón) ata o Posío.

Segundo o artigo 2º do Capítulo Único, Título Primeiro, das Ordenanzas Municipais do ano 1895, publicadas na imprenta de El Eco de Orense, a rúa de Padre Feijóo está integrada no Terceiro Distrito. Os edificios principais, indo dende a praza, están situados na marxe dereita: 

A igrexa da Trinidade é propia do medievo, do século XIII, con alguns elementos románicos e defensivos, acompañada dun hospital de peregrinos, hoxe desaparecido. Foi consagrada polo bispo Pedro de Seguin. A entrada principal da cara á praza da Trinidade, con dúas torres circulares graníticas apoiadas en antigas bases cadradas con muros defensivos, unhas e outros cubertos con interesantes inscricións. Tamén ten un cruceiro plateresco de Jacome de Moure e remata nunha fermosa escalinata pechada por unha porta plateresca do Hospital de San Roque traída desde Alameda. No muro divisorio entre a igrexa e a casa dos Noguerol existe unha verxa pola que tiñan estes dereito de libre acceso. Nesta nace e se recolle a procesión da Soidade, a noite do Venres Santo e, no mes de maio, celébrase a novena do Corazón Eucarístico e a procesión eucarística.

A casa nº 12, hoxe 10, foi construída en 1897 polas famílias Noguerol e Lorenzo. Arturo Noguerol, o avogado e galeguista, tiña nela o seu bufete e a xerencia da revista Nós. O seu tío José Lorenzo Gil, presidente da Deputación Provincial desde 1891, casara con Obdulia Buján, tía de Arturo e irmá da nai del, Asunción Buján. Hoxe acolle á Concellería e Servizo de Urbanismo do Concello de Ourense.
 Parte dos actos festivos capitalinos do Corpus ou Octava do Corpus, especialmente os musicais (concertos e bailes), celébranse dende antigo no xardín do Posío.

20180623194459674_resultNa casa número 14, no ano 1895, foi construido o primeiro instituto capitalino, o Centro Provincial de Instrución Pública, chamado na actualidade Instituto “Otero Pedrayo”, realizado pola Deputación Provincial sendo presidente José Lorenzo Gil. Nel ía instalada a biblioteca provincial, que albergou fondos (14.000 volumes) dos mosteiros desamortizados de Celanova, Oseira, San Clodio, San Esteban e San Francisco de Ourense, destruíndo este tesoro bibliográfico un pavoroso incendio na noite do 8 de decembro de 1927. Os baixos deste edificio albergaron a sé da Comisión Provincial de Monumentos, creada en 1884, á que acompañaba a biblioteca e o museo e o seu Boletín dende o 1 de marzo de 1898. A formaron D. Marcelo Macías, o seu fundador, historiador, epigrafista e orador; Arturo Vázquez Núñez, medievalista; Manuel Martínez Sueiro, historiador; Julio Cuevillas, inteletual e orador; Cándido Cid, erudito, e o chantre Juan Domínguez Fontenla.

Esta Comisión, o seu Boletín, o Museo Arqueolóxico e o Arquivo Histórico foron trasladados en 1943 ao antigo Pazo do Bispo da Praza Maior.Nesta rúa estaba situado o Colexio León XIII dos irmáns Joaquín e Rogelio Núñez de Couto, que tamén tivo a súa sé na casa número 5 da Praza Maior, de Fermin García. O xornal El Diario de Orense, no número 559, do ano II, de novembro de 1915, informou tamén da Casa Pensión “León XIII”, sita na mesma casa fronte ó Instituto e dirixida polo catedrático do centro público Joaquín Núñez, que foi profesor neste centro, xubilándose en 1931. Os anuncios do centro e pensión sinalaban que admitía “alumnos internos, medio pensionistas, vigilados y externos”. Tamén se anunciou no xornal La Voz Pública, datado en xuño de 1916. O seu irman Rogelio Núñez tamén foi profesor do Instituto e alcalde de Ourense de 1922 a 1923, e na Segunda República, en xaneiro de 1936; finou en marzo de 1937.

No número 7 estivo a redacción e administración do xornal progresista e republicano El Derecho. O primeiro número saiu en abril de 1890 e sobreviviu ata 1898. En decembro de 1895 ía polo número 1.350. Nun comezo saía tres veces por semana, e desde o 1 de agosto de 1892, diariamente. Fundado e dirixido por Vicente Nondedeu Pardo, colaboraron Francisco Álvarez de Nóvoa, Luciano Cid Hermida, Juan Manuel Paz Novoa, Marcelo Macías, Heraclio Pérez Placer e Emilio Castelar. 

Neste mesmo edificio tivo a súa sé o periódico semanal (dominical) e rexionalista As Burgas, en galego. Nel tiña a súa redacción, administración e imprenta. Existiu desde decembro de 1894 ata marzo de 1895. Dirixiuno Santiago Alvarez de Nóvoa e colaboraron Francisco Alvarez de Nóvoa, Heraclio Pérez Placer, Filomena Dato, M. Curros Enriquez e Santiago Alvarez. 
Social, cultural e relixiosamente, á rúa Padre Feijóo debe dárselle a xusta importancia que ten.
 

Te puede interesar