EN OURENSE

Un rueiro sen Ditadura e con nome de muller

Os últimos cambios no rueiro da cidade pasaron por modificalo para cumprir a Lei de Memoria Histórica así coma visibilizar o traballo das mulleres. Tamén atopamos cineastas e, agora, unha petición de homenaxe a Yosi

A rúa General Franco mudou por Progreso para cumprir coa Lei de Memoria Histórica. (M. PINAL)
A rúa General Franco mudou por Progreso para cumprir coa Lei de Memoria Histórica. (M. PINAL)
Un rueiro sen Ditadura e con nome de muller

Dende Moteros Solidarios buscan unha rúa para Yosi no barrio de San Francisco. "Non se propuxo rúa ao grupo porque ao ter a praza, seguro que a ían a denegar", indica o presidente, Juan Carlos Blanco. É a última petición para mudar o rueiro da cidade e formar así parte do arquivo custodiado no Concello de Ourense, que acolle tódolos expedientes de cambios nas rúas da cidade. Son preto dun centenar e están recollidos dende o ano 1995. Un expediente enteiro está adicado ao renomeado de diferentes rúas do barrio do do Vinteún: son os nomes dos ríos. 

Unhas das modificacións máis significativas no rueiro veu motivada co obxectivo de cumprir coa Lei de Memoria Historia. O documento fixo posible que a antiga General Franco pasase a chamarse Progreso e Capitán Eloy mudase por Concordia. Un dos cambios nesta mesma liña veu no 2010, tras unha petición de La Región para bautizar o tramo final da Cardenal Quiroga co nome de Alejandro Outeiriño, onde estivo durante décadas a redacción deste xornal. 

Nomes de muller

O Centro de Información Municipal ás Mulleres xogou un papel clave para que se puxeran na ciade de Ourense nomes de mulleres ás rúas Araceli Ancoechea, Marie Curie, Victoria Kent, rúa 8 de marzo, Carmen Legísima ou Federica Montseny.

Xunto coa concellería de Cultura, decidiuse que a denominación da praza 1.000, sita no barrio do Vinteún, pasase chamarse praza Asunción González. Ourense en Común contribuiu a este cambio,  a través dunha moción que pediu poñer en valor ás "mulleres ourensáns invisibles a ollos dunha sociedade que aínda hoxe limita en femenino".

O OUFF logrou que se lle puxeran o nome de artistas galego ata oito rúas  da cidade. É o caso de Pilar Miró, Carlos Velo, Chano Piñeiro, José Gil, Cesáreo González, Eligio González ou La Bella Otero. 

Co gallo do 17 de maio, o rueiro da cidade incorporou rúas con nomes de escritores aos que se lles adicou o Día das Letras Galegas, como Rafael Dieste, Luís Seoane, Ánxel Fole ou Xoán Manoel Pintos.

Voltar ao galego

Os técnicos municipais tamén se viron coa obriga de galeguizar nomes que, a súa vez, foron castelanizados. Boa parte deles atópanse entre A Rabaza e a parte de abaixo da Follateira ou no barrio de A Lonia. Nestes casos, recuperáronse moitos nomes tradicionais logo de falar coa xente do lugar. Un bo exemplo é Ceboliño. O que antes eran rúa A, B ou C, agora son rúa Bo Xesús, rúa da Cal, rúa do Medio, rúa do Cárcere ou rúa do Piñeiro. Na actualidade, aínda hai, polo menos, tres rúas A, B e C na cidade. Están emprazadas en Quintela, Santa Mariña do Monte e en Cudeiro. Desde o Concello, afirman que estas rúas verán modificado o seu nome proximamente.

Cambio por Facenda

Na urbanización de Montealegre, cambiáronse nomes de rúas por un tema de Facenda xa que a poboación estaba censada no Pereiro de Aguiar cando os terreos pertencían ao Concello de Ourense .