testemuñas da memoria

O sabor amargo de Neira Pampín

_neira_result
photo_camera Neira Pampín (esquerda) e o xornalista Xulio Xiz, na presentación da novela.

Neira Pampín abriuse tamén coma un libro para falar da súa vida e da súa profesión. Di que escribe porque o pasa ben, aínda que se digo que para iso se levanta cedo, ás sete da mañá, case é normal que pensemos que é máis un sacrificio que unha paixón.

Semella un contrasentido, un desatino pero é certo que a froita madura ten un certo sabor amargo. Polo menos é o que afirma o escritor F. J. Neira Pampín e que explica o periodista Xulio Xiz argumentando que cando a froita cae da árbore ten unha caducidade case inmediata. E as cousas caducas amargan, repelen, desgustan. Máis ou menos o que lle pasa á propia vida, ó propio ser humano, ou sexa, ó protagonista da novela "El sabor amargo de la fruta madura", que vai pasar os derradeiros momentos da súa vida a unha residencia da terceira idade, logo de ser un profesional que o conseguira todo. Esta novela presentouse o pasado 19 de decembro, ás sete e media da tarde, na libraría Eixo da nosa capital. Xunto ó autor sentouse Xulio Xiz, un señor ó que tiña enormes ganas de coñecer porque levo anos mandándolle escritos para que os publique en Galicia Digital, unha plataforma informática sobre Galicia na Internet e que cofundou el mesmo, e que me causou unha enorme sorpresa o velo, xa que non contaba con atopalo na citada presentación (recoñezo que nin tan sequera lera ben o anuncio do acontecemento na libraría).

NOVELA FONDA E APAIXOANTE

Foi precisamente Xulio Xiz o que tomou a primeira palabra, o que presentou a novela e ó autor. Desde o primeiro momento puiden apreciar o cariño que lle dispensaba a éste. E non tardou en gabar a obra como unha novela coas páxinas cheas de humanidade e de sorpresas, de creatividade e experiencias. Novela fonda, apaixonante, na que o principal papel, a maiores do propio protagonista, está no mundo da medicina. Nela a vida ten amargor en determinadas etapas, pero hai que afrontala estoicamente. Cando tomou a palabra o autor, Neira Pampín, este confesou que quixo sensibilizar ó lector do que é a vida en si, do que son eses momentos nos que o ser humano sabe que lle está poñendo o punto final a todo un percorrido, ó seu propio percorrido. E amosa coma ninguén as miserias da xente maior. O autor sabe moi ben delas porque, ó ser médico, urólogo, en concreto, trata a centos de persoas que, queiras ou non, sempre rematan contándoche as súas miserias. Algo que sei por experiencia, pois a pesar de ser un simple funcionario, os gandeiros (ben sabemos que a nosa agricultura está chea de xente maior) chega un momento no que me abren o peito e pousan sobre a miña mesa os seus corazóns que latexan todos os anos vividos.

Pouco a pouco, cando xa debullou suficientemente a obra que presentaba; Neira Pampín abriuse tamén coma un libro para falar da súa vida e da súa profesión. Di que escribe porque o pasa ben, aínda que se digo que para iso se levanta cedo, ás sete da mañá, case é normal que pensemos que é máis un sacrificio que unha paixón. Mais imaxino que a súa profesión na medicina non lle deixará moita marxe libre. Tampouco lle importa confesar que a súa literatura tira máis cara ó sentimentalismo, cara á soidade. Influenciado quizais por esa xente maior? Este comunicador especial empezou, coma moitos, coa poesía, pero que non quere publicala porque "a poesía é a celme, a substancia, o clímax da alma". É certo que hai sentimentos que é mellor gardalos. Nótase que vive con paixón todo, xa que confesa que lle custa moito deixar ós personaxes de lado, ata o punto de que pelexa con eles, sofre con eles e vive con eles (tamén sei o que é iso). Non obstante, axiña lle atopa a solución a ese apego dos personaxes: iniciar unha nova novela canto antes. Claro que, e digo eu, ó momento xa se lle pegarán á pel os novos que crea. Ai, o mundo da inventiva, dos soños!


MÉDICO URÓLOGO E ESCRITOR


Francisco Javier Neira Pampín naceu o 21 de agosto de 1953 na cidade de Santiago de Compostela e é o máis pequeno de tres irmáns. Estudou bacharelato en Santiago, fixo medicina en Santiago e especializouse en uroloxía e androloxía no Hospital Xeral de Galicia. Pero ós 27 anos opositou a unha cota da súa especialidade na cidade de Lugo e alá se quedou. Durante a súa carreira publicou numerosos artigos, deu conferencias e charlas e asistiu a infinidade de eventos urolóxicos tanto no noso país coma fóra del.


O SEU DEBUT


No ano 2013 publica a novela negra "El Quijote de madera", que desenvolveu pola Compostela da súa nenez para manipular unha historia de amores e traxedias, de grandezas e humildades. Tres anos máis tarde viu a luz a novela causante desta reportaxe, que vos aseguro que non deixará indiferente a ninguén, porque a vida nas residencias de anciáns deixa momentos profundos e amargos sentimentos. Moi bonito libro.

Francisco Javier Neira Pampín, un home que logo de longas xornadas intensas de consultas e de quirófano, sempre atopa tempo para a arte. Para a arte que non é só literatura, pois tamén manifesta a súa paixón artística en forma de música  e de pintura.

Te puede interesar