ENTREVISTA

Samuel Lago: "A Coral da Ruada busca xente nova, deixar nos nenos unha semente"

OURENSE 28/12/2017.- . Entrevista Samuel Lago, director de la Coral De Ruada. José Paz
photo_camera Samuel Lago, fronte ao Teatro Principal, onde ensaia a Coral.

A agrupación que guía Samuel Lago cumpre 100 anos e mentres os músicos se preparan para o tradicional concerto de Nadal, o presidente toma café e le a prensa no San Xes, fronte ao ático do Teatro Principal no que a Coral ensaia dende hai dúas décadas.

Un chalé na avenida de Zamora desentoa coa contorna. "Villa Joaquina" agocha un segredo centenario trala cancela. Samuel Lago, presidente da Coral de Ruada, sabe del. A agrupación que guía cumpre 100 anos e mentres os músicos se preparan para o tradicional concerto de Nadal, o presidente toma café e le a prensa no San Xes, fronte ao ático do Teatro Principal no que a Coral ensaia dende hai dúas décadas.

Nervios? O seu concerto de Nadal é todo un símbolo en Ourense. 

Os coralistas lévano xa moi preparado. Este mes tivemos nove Concertos da Ourensanía, actuamos con Luar na Lubre en A Coruña e fai pouco actuamos en San Cibrao das Viñas. Tamén estaremos en Cea e Viana do Bolo.

O prestixio que se lle atribúe á Coral da Ruada non choca con actuar en pequenos auditorios?  

Claro. A nosa misión é divulgar a cultura e o folclore galego por tódolos sitios que poidamos.

Espera máis edicións destes Concertos da Ourensanía para levar a música por toda a provincia?

Si, este ano só tiñamos 16. Seguramente, se a Deputación quere, fagamos algún concerto o ano que vén. 

Canto tempo ensaian para actuacións coma estas de Nadal?

As cancións vellas xa están pilladas, para as novas ensáiase un mes e medio, tódolos martes e xoves.

Teñen moitas cancións novas?

Este ano tres como mínimo. 

É difícil renovarse?

Procuramos ter sempre panxoliñas de directores ourensáns, que é unha das nosas misións.

A Coral de Ruada é moi aplaudida...

Si. No ático do Teatro Principal están as garavatas que se colgan na bandeira, foron regaladas. Tamén temos un mural de José Luis de Dios que queremos restaurar para o centenario. Todo iso queremos sacalo fóra no 2018, para que a xente o vexa. É un dos actos do centenario, unha exposición que nos gustaría facer na Sala Valente.

Que outros actos do centenario pode adiantar?

Descubrir unha placa no lugar onde naceu a coral. O 5 de outubro de 1918, Prado "Lameiro", Virxilio Fernández, Prieto Nespereira e Fabriciano Iglesias Abella xuntáronse na casa de Eiré Santalla, "Villa Joaquina". O chalé situado na avenida de Zamora é propiedade de alguen de Madrid que nos vai deixar a casa para este acto.

Un xeito de volver ás orixes.

Intentámolo, aínda que daquela era todo máis completo. A Coral de Ruada eran moi poucos rapaces ao principio. 12 nenos e 5 nenas. Cantaban pero tamén tiñan grupo de teatro e de danza. Na sede hai unha bandeira ca data de 1920, dos inicios. Foi pintada por Díaz Baliño, pai de Díaz Pardo, que tamén pintou os murais para cando a Coral actuaba en teatro. Perdéronse case todos, por traslados, humidades e outras circunstancias. 

Haberá máis documentos ou obxectos perdidos despois de cen anos. Cal lamenta?

Si. O que temos, por exemplo, son as actas de todas as reunións dende o principio da Coral.

Perderon letras ou cancións?

Si, moitas. Porque a Coral tivo varias sedes. Recórdoa frente á gasolineira de Pérez Rumbao, tamén estivo na antiga Cruz Vermella. NOURENSE 28/12/2017.- . Entrevista Samuel Lago, director de la Coral De Ruada. José Pazo ático do Teatro Principal leva dende hai vinte anos, aproximadamente. 

Canto tempo leva na agrupación?

Dende o 2002, meteume Eladio Quevedo, o anterior presidente. Eu fun elixido para este cargo hai dous anos e é ao que me adico. Hai que estar buscando sitios para a Coral e cartos para o que faga falla. E moitas veces incluso actuacións, porque se a Coral ensaia pero logo non se manifesta... Aínda así, nese aspecto temos renome e moitos amigos que axudan. 

Cómprenlle máis "amigos" á Coral?

Si, sempre. Hai moitos amigos que colaboran e tamén as institucións.

Xa homenaxearon a Prado Lameiro, un dos fundadores. Teñen previsto continuar cos actos sobre a súa figura para o centenario?

Si. Hai oito anos que ten un premio co seu nome, entregarase o 8 de xaneiro ao grupo cultural Rebulir, un galardón que se lle dá á xente que difunde a cultura galega. Anteriormente foi para dous coros históricos: O Real Coro Toxos e Froles, de Ferrol, ou Cántigas da Terra, de A Coruña. Quedan poucos. Coa Polifónica de Pontevedra estamos moi vinculados. Con Luar na Lubre e Treixadura incluso gravamos discos conxuntos.

É difícil gravar un disco hoxe?

Agora imos gravar o da Ribeira Sacra con Luar na Lubre. Non é complicado, funciona ben. 

Algunha vez sufriron plaxio?

Non… As cancións cópianse, hai  algunhas por aí que son nosas, pero a maneira na que o fai a Coral é moi diferente. Cando a Coral canta o himno galego ten un impacto moi grande na xente e está recoñecido. Felicitáronnos no Parlamento e en tódolos sitios, a Coral ten unha significación aparte.

Algun recoñecemento que lles falte?

Temos a Medalla de Bronce de Galicia, pero a Medalla de Ouro aínda non. Esperamos que nola dean.  Tamén esperamos e pedimos que se lle adique o Día das Letras Galegas a Prado Lameiro. Niso estamos, porque é un personaxe popular e enxebre. 

Que significa para Ourense e para a sociedade ourensá a Coral?

Teño oído que Ourense é a Coral e a Coral é Ourense. Esa frase. De feito,  cando nos referimos á Coral de Ruada dicimos simplemente a Coral.

Como se chega aos cen anos?

Con moitos problemas.

Cal lle preocupa máis?

Rexuvenecer a Coral. Cambiou o sistema, os valores e as diversións e ser coralista implica un esforzo tremendo. Ensaiar, aprender e marchar de viaxe deixando á familia. Iso implica un gran sacrificio que non se lle recoñece á Coral. Colaboramos con tres colexios e o Día dos Amigos cantamos todos. O que procuramos é que haxa unha semente, sabemos que non van quedar, pero no futuro ao mellor volven. Ultimamente temos incorporacións novas e moi boas, xente xove. Estou contento.

Está a Coral nunha boa etapa?

Si, nunha etapa de auxe. Temos un bo director, un gran director que harmoniza e fai cancións.

Co Concerto de Nadal da Coral está tranquilo. Algunha actuación que consiga poñelo nervioso?

O Concerto dos Amigos, coa festa que temos en Oseira en xuño. Quizais ese, porque hai que lucirse ante eles, ante os amigos, que son os que nos axudan. 

Te puede interesar