ÁREA METROPOLITANA

San Cibrao presta servizo a 40 veciños dependentes

O municipio saca a concurso a xestión da axuda a domicilio por dous anos 

O Concello de San Cibrao das Viñas vén de sacar a concurso de forma urxente e por procedemento aberto o servizo de axuda a domicilio e de atención a persoas dependentes do municipio, que usa actualmente un total de 40 veciños da localidade, 36 deles por dependencia e 4 de forma básica. A prestación de servizo terá un custe inicial para as arcas de 665.000 euros máis IVE, á espera das rebaixas que poidan facer as distintas empresas que opten á súa xestión.

Na actualidade, para atender aos 40 dependentes, hai un total de 13 traballadores adscritos ao servizo de axuda a domicilio, dos cales tres traballan a xornada completa. Estas auxiliares do servizo fan unha media de 1.038 kilómetros por mes, segundo a información que avanzou o alcalde, Manuel Pedro Fernández.

O obxectivo deste servizo é prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos dedesestruturación familiar.

O adxudicatario prestará o servizo por un prazo de 2 anos con carácter improrrogable. O Concello valorará para a entrega do servizo a baixa nas ofertas, a oferta de axudas técnicas anuais, e outra serie de valoración subxetivas nas que se premiarán os recursos a empregar, a política de recursos humanos e os programas para favorecer a calidade do servizo.

Tamén se valorará que as empresas que opten a xestionar este servizo teñan na plantilla un número de traballadores con discapacidad superior ao 2%.

Fotografías de Nadal

O Concello de San Cibrao das Viñas organiza desde o 18 de decembro e ata o 7 de xaneiro un concurso de Fotografías de Nadal para os veciños do municipio. Cada participantes poderá enviar un total de oito fotografías. Haberá seis premios, tres deles para os adultos e outros tres de categoría infantil. A temática da fotografía debe xirar ao redor do Nadal ou estar relacionada con el. Ademais, como parte das festas navideñas, o Concello organiza unha serie de xogos n o polideportivo para os máis pequenos entre o 26 e o 29 de decembro, cuxas inscricións rematan o vindeiro día 21. 

Te puede interesar