COMPARECENCIA PARLAMENTARIA

O director da CRTVG nega ter relación co financiamento do PP

Sánchez Izquierdo asegura que non cometeu irregularidade algunha nas empresas que xestionou

 O director da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, afirmou onte no Parlamento que descoñece cal é a acusación que recae sobre el en relación co financiamento do PP de Ourense que investiga a xuiza de Lugo Pilar de Lara. "Non sei de que se me acusa", afirmou Sánchez Izquierdo, en resposta á deputada do BNG Montse Prado.


Na comisión parlamentaria de control da CRTVG, Prado pediu ao director do ente que dimita. A deputada indicou que, nun auto para investigar o suposto finaciamento irregular do PP en Ourense, da xuíza De Lara, instrutora da operación Pokemon, "aparece unha empresa" na que Sánchez Izquierdo ocupou os cargos de presidente e conselleiro delegado ata a súa destitución en 2008. A deputada facía así referencia á petición de información que De Lara realizou a Telemiño, entre outras empresas, sobre facturacións ó PP, neste caso, por publicidade electoral.


O máximo responsable da CRTVG, ademáis de negar irregularidade algunha na xestión, reprochou á deputada: "Non sei como vostede se atreve a facer determinado tipo de imputacións, porque no auto que eu lin, e que está publicado nalgúns medios de comunicación, o tipo de referencia que se pode facer á empresa na que eu tiven algún tipo de responsabilidades está moi afastado do que vostede está dicindo".


Prado acusou por outra banda ó director do ente de estar no cargo actual "exclusivamente para beneficio do Partido Popular e do Goberno do PP". Prado acusou a Sánchez Izquierdo de ter "secuestrados" os informativos dos medios públicos, con especial intensidade da TVG, "en beneficio do PPdeG", e instoulle a "rectificar" ou a "dimitir" por unha cuestión de "decencia".  
Entre outros exemplos, a deputada calificou de  "escándalo" o tratamento informativo do debate dos presupostos da Xunta para 2015.

Te puede interesar