ENTREVISTA

Seara: "O Concello está colapsado, necesita resetearse e a tecla necesaria é o BNG"

O candidato á Alcaldía do BNG no Concello de Ourense admite que dá vértigo encabezar a lista do BNG por Ourense e preocúpalle a falla de PXOM na cidade

Luís Seara, candidato a alcaldía do Concello de Ourense polo BNG.
Luís Seara, candidato a alcaldía do Concello de Ourense polo BNG.
Seara: "O Concello está colapsado, necesita resetearse e a tecla necesaria é o BNG"

Xa designado como candidato á Alcaldía do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara escolle a estatua de Eduardo Blanco Amor para citarnos. Por que? "Representa unha serie de valores, entre eles a súa apoloxía da liberdade e o seu compromiso co país. Para nós é un espello no que mirarse", destaca o nacionalista, ilusionado e optimista con esta aventura, convencido de que o BNG terá moito que dicir no 2019.

O responsable local do BNG será o candidato. Parece a vía lóxica.

A lóxica neste tipo de casos non existe, non necesariamente alguén con responsabilidades orgánicas acaba sendo candidato. Foi un proceso longo, de maduración, de moito debate no que antes de escoller ás persoas, a organización debateu os perfís e as pezas foron encaixando. É unha cuestión novidosa non escoller só o cabeza de lista, senón un equipo que xa traballa para entrar no Concello con toda a forza do mundo.

Dá vertigo encabezar a lista do BNG de Ourense?

O que aprendín nos 12 anos de concelleiro na Merca foi moi proveitoso, madurei moitísimo e agardo que sexa de suma utilidade para a cidade na que nacín. Claro que dá vertigo porque é unha responsabilidade enorme pero que non asumo en solitario, senón que é compartida co resto da candidatura e do resto da militancia, que é o pulmón.

Ten forza o BNG?

O BNG leva nun proceso de recuperación claro dende hai tempo. Estamos en absoluta conexión coa realidade social e iso dá confianza.

OURENSE (XARDÍNS BISPO CESÁREO E PRAZA MAIOR). 07/07/2018. OURENSE. Retrato de Luis Seara, candidato por el BNG a la alcaldía del concello de Ourense. FOTO: ÓSCAR PINAL.Perdeuna nalgún momento?

Probablemente si, por moitas visicitudes, pero o que é importante é aprender para non cometer os mesmos erros. Estamos nese proceso, evidenciouse nas eleccións galegas, cando todo o mundo nos daba por mortos e sacamos un resultado fantástico. Temos un liderado asentado e iso acaba xerando empatía, confianza e provoca un efecto dominó.

A pouca visibilidade ó non ter representación pode afectar?

Se digo que non, estaría mentindo, a institución é importante pero sen traballo social previo, o que se faga apenas ten relevancia. Non estar na institución é un problema, pero non nos quedamos nas catro paredes do noso local, senón que estivemos facendo un traballo arduo, intenso, de interlocución social para abrir moitas portas. Vemos que hai un gran interese por escoitar as propostas e por que o BNG volva á institución.

Ser un proxecto galego condiciona a tarefa municipal?

Todo o contrario, creo que é imprescindible inxerir o proxecto local no de país. Moitas das cousas que pasan nos concellos teñen que ver coa situación colonial e de dependencia que Galicia ten ó respecto do Estado. Os concellos teñen que ser unha peza máis do puzle do país, nós construímos país desde os concellos.

Preocúpalle que a cidadanía non poida coñecer a Luis Seara?

É importante que a xente te coñeza, porque pode valorarte, pero nós somos un proxecto serio, solvente, que ten demostrada a súa valía e efectos positivos. Exemplos temos, calquera concello gobernado polo BNG xestiónase ben, hai un modelo transformador como Allariz ou outros como Pontevedra, que trascenden.

Concellos urbanos e rurais.

É a mensaxe que queremos trasladar. Se somos capaces de facelo en ámbitos pequenos, medianos ou semellantes a Ourense, por que non o podemos facer en Ourense?

O BNG estivo no goberno da cidade. Que pasou para desaparecer?

Sería moi longo, non só é un factor. Evidentemente cometemos erros porque a xente así o dixo, pero creo que agora, vendo en perspectiva, a aportación que o BNG ten dado ó Concello de Ourense, como goberno ou oposición, ten sido fantástica. Se vemos o que se fixo nos barrios, nas zonas rurais, aposta pola participación, non resiste comparación. Entón, sendo conscientes de que cometemos erros e pagamos un prezo, creo que excesivamente alto, as aportacións do BNG teñen sido fundamentais. A xente ve en nós unha organización seria, solvente para cambiar esta dinámica e que irrumpa no Concello. Por iso estamos convencidos de que o faremos con moita forza e que vamos a ser determinantes na configuración do próximo goberno.

Falan tamén de poñer o contador a cero.

O Concello está colapsado, necesítase resetearse e a tecla necesaria para iso é o BNG.

Por que está colapsado?

Non é que o vexa eu, é a cidadanía. Fales con quen fales, a sensación e a percepción de que o Concello está paralizado é unha constante, incluso entre persoas que votan ó Partido Popular. Hai un desencanto total, unha necesidade de que remate este anodino mandato.

Algún obxectivo de concelleiros?

Non, non, non. Nós non temos obxectivo porque non nos poñemos límites, non imos a cubrir o expediente, imos a por todas e ademais tendo claro que se dan as circunstancias para ser determinantes.

A competencia é durísima?

Sempre o foi, o BNG nunca tivo as cousas doadas, pero iso tamén nos dá o aplomo e o criterio necesario para saber que no corpo a corpo, cando lle explicas á xente os proxectos sempre gañamos.

Pode haber alianzas con outras forzas como CxG?

O BNG vaise presentar como BNG porque é unha marca seria, solvente e contrastada. Pero ten cabida toda aquela persoa que poña os intereses de Ourense e o país por diante. Nese sentido sempre estarán as portas abertas.

A culpa da parálise é so do goberno ou tamén da oposición?

Non pode ter a mesma responsabilidade quen goberna que quen non. O goberno que temos é puramente cosmético, non entrou no fondo das cuestións e non resolveu nada. Pero tamén é certo que a oposición, que chegou a concretar un programa, xoga máis a ser alternancia que alternativa.

Preocúpalle o que está a pasar co PXOM?.

Preocúpalle o todos. O PXOM é un documento cunha enorme relevancia, del depende en gran medida o desenvolvemento socioeconómico. Asústame que tan só se insinúe a posibilidad de secuestrar o PXOM aprobándoo pola porta de atrás, necesita unha segunda exposición pública, pero se está perpretando unha coitelada contra a cidade.

A cidade pode ser chave na Deputación. Aposta por un cambio?

Ten que ser un dique de contención contra o caciquismo 2.0 de José Manuel Baltar. Por iso é necesario que o Concello sexa o contrapunto con forzas como o BNG que teñen demostrado sempre que loita contra as desigualdades e o caciquismo.