CULTURA

Carlos Latre, Los Secretos e Moncho Borrajo, no Auditorio

A concelleira de Cultura Belén Iglesias confirmou que durante os próximos dous meses o Auditorio terá a súa "carteleira completa" con propostas "para todos os gustos e idades".

O humor de Carlos Latre e Moncho Borrajo; a música de Los Secretos ou o teatro da compañía ourensana Sarabela serán algunhas das actuacións máis destacadas que visitarán o Auditorio de Ourense no que queda de ano.

Así o sinalou este venres a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias, durante a presentación das "máis de 40 actividades" programadas neste recinto para os meses de novembro e decembro.

Iglesias confirmou que durante os próximos dous meses o Auditorio terá a súa "carteleira completa" con propostas "para todos os gustos e idades".

Para a concelleira, este número e a calidade da oferta confirman este espazo cultural como "un dos máis importantes do noroeste peninsular en programación e público"

A responsable de Cultura resaltou a aposta polo humor nesta programación, coas actuacións de Carlos Latre, o 13 de novembro ás 19,30 horas; e do ourensano Moncho Borrajo, o 18 de decembro, ás 18,00 horas.

Pero tamén destacou a presenza na cidade da Companhia do Chapitô, que ofrecerá en Ourense a súa versión de `Edipo`. A concelleira destacou que Ourense e Vigo serán as únicas etapas galegas desta compañía portuguesa. Será o 3 de novembro, ás 20,30 horas.

Ao coincidir a data coa realización do Festival de Cinema Internacional de Ourense (OUFF), a obra representarase no Teatro Principal.

No apartado teatral, por parte do Concello tamén se destacou acolleraa a representación da obra `Normas para saber vivir na sociedade actual`, a cargo de Sarabela Teatro, os días 1 e 2 de decembro. Haberá dous pases, ás 11,00 e ás 20,30 horas.

No ámbito musical destacan as actuacións do grupo Los Secretos, o 5 de novembro ás 21,00 horas, e de Elena Bianco&Los Mesmos, cun percorrido por temas clásicos da música española dos anos 60 e 70, o catro de decembro ás 20,30 horas.

Os nenos serán outros dos protagonistas desta programación, con actividades como a `Música para bebés`, que a concelleira confirmou como "unha actividade consolidada" da programación. Será o 4 de novembro, ás 18,00 e 19,00 horas.

Aposta polo público infantil

O técnico do Auditorio Manuel Freire destacou que haberá "moita actividade" para o público infantil nestes dous meses, que rematarán cunha nova edición de Mostra de Teatro Infantil (MOTI).

En total están programadas 15 funcións diferentes para nenos, como `Pulgarcito`, a cargo de Teatro Paraíso (8 e 9 de novembro); `Rubicundo`, cone Ghazafelhos (20 de novembro); o espectáculo de teatro-circo `As expertas` de Entrearte ao-Badulaque (22 de novembro) ou as marionetas do grupo Artello (o 29 de novembro).

A programación complétase con actuacións de danza e diversas galas culturais e benéficas.

Te puede interesar