REPORTAJE

Seixalbo lembra a José Pereira: "Foi un avó idealista"

josepereira1cs
photo_camera José Pereira (cedida por su nieta).

A neta do que foi alcalde de Ourense en 1916 investiga todo o que logrou o homenaxeado

Seixalbo homenaxea este domingo ás 19,30 horas a un dos seus veciños ilustres, José Pereira, que foi alcalde de Ourense entre 1916 e 1917 e que destacou, entre outras cousas, polo seu empeño para a creación dunha escola de nenas que fixo que a vila ourensá conseguira un dos índices de alfabetización feminina máis altos de toda a Galicia rural de principios do século XX. Marosa Gómez Pereira, neta do homenaxeado–a quen coñeceu ata os 13 anos–, ten un propósito: "Quero saber todo o que fixo o meu avó. Vou dous días á semana ao arquivo municipal e xa lin todas as actas producidas durante o seu mandato. É a oportunidade que temos os netos de saber todo del, porque falaba pouco desas cousas e ata parecía escandaloso presumir do que fixo. As cousas do Concello quedaban no Concello", conta.


Unha rúa para un idealista


A iniciativa de recordar a José Pereira coa colocación dunha placa na súa casa natal parte da Asociación cultural Agromadas, que secundou a asociación veciñal San Breixo co apoio dos descendentes deste singular persoeiro, que dende a veciñanza propoñen que teña unha rúa co seu nome na vila.

"Foi un home discreto, cun gran sentido da xustiza, de humor sarcástico e que o deu todo polos seus veciños. Un idealista", destaca a súa neta. Entre os feitos que puido atopar nas actas daquela época, durante o seu mandato como alcalde de Ourense conseguiuse a potabilización de varias fontes, a regulación da venta o leite ou a creación do corpo de bombeiros. "Agora todo isto parécennos cousas pequenas, pero entonces se che puñan unha fonte ou che arranxaban un camiño ou os postes da luz, melloraba a calidade de vida dos veciños", engade Marosa Gómez, que durante o acto lerá un anaco da biografía do seu avó, acompañado por outro dos netos, José Antonio Rivera, e máis familiares do persoeiro recordado.

"Como curiosidade, produciuse unha gran expansión do tendido telefónico  durante o mandato de José Pereira", indican dende a asociación veciñal San Breixo.

Tralo acto de este domingo, o grupo Cantigas de Seixo ofrecerá un concerto baixo o arco mozárabe da Igrexa de San Breixo. 

Te puede interesar