MÚSICA

Tamén hai country en Ourense

<p></p>
photo_camera Imaxe dun concerto da banda ourensá The Jankees Band.

The Jankees Band fórmano catro mozos ourensáns que comezaron unha campaña de "crowdfunding" para conseguir os 8.000 dólares que precisan para grabar as súas cancións cunha filial da multinacional Sony

Tomando café unha tarde de novembro de 2016 en Ourense, Álvaro Borrajo e Luís Eirís, asinaban o comezo de The Jankees Band. Estudantes de Bacharelato e Audiovisuais, non queren esquecer a súas inquedanzas por iso apostaron por xuntar as inspiracións musicais de ambos. Xa tiñan así voz e guitarra, pero estes mozos querían facer algo máis grande, e así foi como chegou Andrés Real, amigo de Álvaro, que toca o baixo nos "jankees" mentres o compaxina cos seus estudos de Física. José Antonio Figueiredo, o maior do grupo con só 20 anos é a última incorporación, e nas súas mans están as baquetas que envían os característicos sons da batería desde a parte posterior dos escenarios que levan conquistando máis dun ano.

Os inicios, en Lusquiños

Lusquiños, a coñecida sala do Concello de Ourense aportou un lugar de ensaio, pero foron estes catro ourensáns de entre 17 e 20 anos, os que tiveron que loitar por facerse un oco nun sector que non llo pon fácil a ningún artista. En palabras do propio Álvaro, "temos que agradecerlle moito ó público ourensán". A súa música está profundamente marcada polo country e o blues, e por iso o foco da banda está posto en Nashville, capital do estilo western.

Na súa mente xa xerminaba a necesidade de darse a coñecer, e grazas a un proxecto de Lusquiños, enviaron os seus temas a varias discográficas independentes de Nashville. Semanas despois, Álvaro Borrajo recibía unha mensaxe mentres estudaba na súa casa que supuxo un cambio na traxectoria do grupo: unha filial de Sony ofrecíalles grabar unha maqueta con eles.

Beliscándose pola incrible oferta, comezaron a chegarlles diferentes opcións de traballo, das cales tres implicaban a grabación dos seus "singles" nos Estados Unidos, pero decidiron grabar en España ante a falta e presuposto.

Moitos desafíos por diante

Estes ourensáns saben que "aínda que a oferta de Sony é algo excepcional e único, non podemos arriscalo todo sen ter seguridade de triunfar nun país onde o número de artistas musicais é ainda maior", magóase Álvaro. A discográfica non llo puxo todo de cor rosa, pois tampouco querían apostalo todo por un grupo que aínda está nos seus albores.

Sabedores de que o financiamento é un problema, elixiron a opción que supón un menor endebedamento: grabar unha canción por 16.000 dólares, dos cales Sony aporta a metade.

Porén, agora Álvaro, Luís, Andrés e José Antonio están inmersos nunha campaña de "crowdfunding" para conseguir o equivalente en euros a 8.000 dólares, o último chanzo para mostrar o seu talento.

Eles mesmos explican nos seus perfís de Facebook, Instagram e YouTube, onde se poden atopar como "thejankeesband", como funciona o método de pago do "crowdfunding". Aínda que non teñen un prazo límite para conseguir o diñeiro, desexan facelo pronto para cumprir o seu soño.

Te puede interesar