ENTREVISTA - HUMOR

Touriñán: "Os galegos somos superdotados no sentido do humor"

touri_result
photo_camera Touriñán

Co gallo de pasar un bo rato, o humorista actuará mañá as 19,00 horas no centro comercial Ponte Vella no marco das actividades de celebración do 16º aniversario

Xosé Antonio Touriñán (Carral, 1980) non necesita presentación. O seu mellor prólogo é "rir para vivir" e se de algo pode presumir é de medrar rindo co seu traballo. Capaz de facer da excepción a norma, a súa filosofía é sinxela: "As personaxes que interpreto primeiro teñen que lograr facerme gracia a min". Adquiriu sona como cómico co espectáculo "As cantareiras de ardebullo" no que interpreta a Mucha e, coas súas propias verbas de ton grave e literario, defínese como "un privilexiado" por ter un oficio que lle permite ser cada día unha cousa distinta. Coa súa retranca conseguiu cautivar a varias xeracións de galegos en programas como "Land Rober". Co gallo de pasar un bo rato, actuará mañá as 19,00 horas no centro comercial Ponte Vella no marco das actividades de celebración do 16º aniversario.

No mundo do humor, ser galego é xogar con vantaxe?

Totalmente. Polo sentido do humor, pola retranca, porque necesitamos menos palabras para facer unha broma, un chiste ou un “gag”. Os galegos somos superdotados para o humor, temos a capacidade de facer unha segunda ou incluso terceira lectura diferente da normal para orientar por onde cremos que nos están contando as cousas. 

Cal é a parte máis difícil de facer rir?

Hai quen dicía que este tipo de cousas ou son moi fáciles ou son imposibles e eu, a verdade, non teño a fórmula. Non existe unha receita que che asegure que se botas un pouco de isto e outro pouco de aquelo sempre saía risa. 

Rematou algunha actuación sen ningún atisbo de risas?

Nunca me ten pasado. Como en todo haberá xente a que lle guste máis ou menos pero ata o de agora sempre me foi ben. A mellor e máis grande escola que tiven foron as primeiras actuacións en locais pequenos, e sí que é certo que ó principio é máis complicado porque que tes que darte a coñecer, gañarte a xente e, aínda encima, lograr que se rían. Agora a xente que ven xa soe traer unha predisposición a rir.

Algunha vez tivo medo de que o público non pillara os seus chistes?

Ata o de agora nunca tiven medo enriba do escenario. Tampouco vou mentir, sí tes ese nervio de ver se as cousas funcionarán como esperas. Pero, o día que non o teñas, malo. 

Cando está na súa casa tamén fai chistes?

Eu sempre digo que intento gardar para cando me pagan. Todo en exceso cansa, entón eu máis alá da imaxe que se ve a través da pantalla de min eu son un tipo serio e moito máis soso que as miñas personaxes. 

Onde reside o poder de observar para construír personaxes?

Escoitar e observar é a base de datos máis grande que hai para o cómico. 

Te puede interesar