área metropolitana

Trasalba homenaxea ao arabista Darío Cabanelas

Praz_result
photo_camera Zona do Outeiro de Trasalba onde se creará un adoquinado e unha placa de honra

O Concello de Amoeiro reformará unha área en recordo do ilustre veciño

O Concello de Amoeiro comezará en breve as obras dun futuro espazo no que se honrará a un insigne veciño orixinario de Outeiro de Trasalba, Darío Cabanelas Rodríguez (1916-1992). A intervención consistirá no embelecemento do entorno público situado a carón do campo da festa e da cafetería do núcleo parroquial, así como na instalación dunha placa identificativa co nome do homenaxeado.

Con estas actuacións, preténdese "que a figura deste destacado arabista, a quen se considera como un dos máis importantes do século XX, reciba unha merecida homenaxe do concello no que viu a luz e no que finou os seus días", destaca o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez.

O treito substituirase por un adoquinado de pedra, en lugar da mestura de pedra e formigón que ten na actualidade, e tamén se instalará unha placa para honrar aun dos declarados "persoeiros" do concello, estudante de Filosofía e Teoloxía e ordenado sacerdote da Orde Franciscana en 1940. Na lista de persoeiros están tamén o patriarca das letras galegas, Ramón Otero Pedrayo; Juan Fernández de Boán, maxistrado e político que chegou a ser virrei do Perú e presidente da Real Audiencia de Lima, e o pintor e fillo predilecto de Amoeiro Ramón Pulido Nóvoa.

CAMIÑADA DOS PAZOS, MAÑÁ

Amoeiro celebra mañá unha nova edición da Camiñada dos Pazos, que en cada edición tenta dar a coñecer espazos de interese da localidade. Haberá dúas etapas, unha para afeccionados (de 18 kilómetros) e outra para os que pretendan completar os 28 km totais. A primeira etapa sae ás 10,00 horas do Parque dos Sentidos, e a partir das 9,00 horas haberá unha mesa na que se realizará o pagamento da devandita inscrición (10 euros); tanto as reservadas como as que se queira facer a última hora.

Te puede interesar