ENTREVISTA

“Tratamos de que a xente de Seixalbo e a súa mocidade compartan momentos de ocio"

David Rodríguez, presidente da Asociación "As Canellas" (XESÚS FARIÑAS)
photo_camera David Rodríguez, presidente da Asociación "As Canellas" (XESÚS FARIÑAS)

David Rodríguez, presidente da Asociación Cultural Xuvenil "As Canellas"

Seixalbo é o berce dun dos movementos xuvenís que máis están dando que falar no Concello de Ourense. Un grupo de mozos, encabezados por David Rodríguez, de só 20 anos, constitúen a Asociación Cultural Xuvenil "As Canellas", coa que desenvolven distintas actividades, sempre encamiñadas á promoción da cultura e da solidariedade.

Que balance fai das actividades desenvolvidas pola Asociación no pasado curso? Estamos moi satisfeitos tras un curso moi productivo. Creamos un concurso de fotografía e comezamos a facer os últimos domingos de cada mes un mercadiño de libros no local da Asociación de Veciños de Seixalbo, no que se poden mercar, vender ou trocar os exemplares. Ademais, en decembro organizamos por vez primeira a Gala Benéfica contra o Cancro xunto coa productora Claqueta Coqueta, que nos permitiu xuntar case 3.500 euros para a Asocia- ción contra o Cancro de Ourense.

Podemos dicir que o noso balance de actividade é moi positivo.

Conservarán a mesma programación de actividades para o curso que vén ou teñen previstas novidades?

Neste curso seguiremos na mesma liña de actividades que levamos facendo dende os nosos inicios, con algunhas novidades que iremos anunciando. Polo momento, podemos anticipar que trataremos de organizar a segunda gala benéfica contra o cancro, faremos proxeccións e organizaremos concertos.

Que retos se marca “As Canellas" para o futuro?

Sempre traballaremos cun mesmo obxectivo: que a xente de Seixalbo e a súa mocidade compartan momentos de ocio. Estamos satisfeitos de que coas nosas actividades se estea a conseguir demostrar que o noso é un pobo unido. Ademais, loitaremos para que Seixalbo desfrute de eventos culturais que nunca se fixeran antes por aquí.

Como valoran o apoio das institucións ao seu traballo?

Estamos moi contentos por como se están a portar connosco, tanto á hora de darnos subvencións para as actividades como á hora de facilitarnos a posibilidade de desenvolver máis, como pode ser mediante a dotación de espazos.

Pensa que a mocidade ourensana debería implicarse máis na difusión da cultura e na participación na vida social da cidade?

Si. Penso que a mocidade debería implicarse máis, porque a cultura e tradición galegas son algo que nos deixaron os nosos antepasados e temos que conservar e continuar. O problema é que nestes tempos hai moitas máis cousas que preocupan á xuventude, especialmente a falta de traballo. 

Te puede interesar