FOTOGRAFÍA

Visibilizando a lactancia materna

OURENSE. 09.10.2015. CONCELLO, PRESENTACION ACTIVIDADES LACTANCIA MATERNA. YOLANDA COLMENERO, SOFIA GODOY, INMA VILANOVA, MARIA DEL CARMEN VARELA, SUSANA BORJE. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Recoñecemento ás gañadoras do 'Sétimo Concurso de Fotografía Lactancia Materna'. (MIGUEL ÁNGEL)

A concelleira de Sanidade, Sofía Godoy, entregou este venres os premios do 'Sétimo Concurso de Fotografía Lactancia Materna'

A concelleira de Sanidade, Sofía Godoy, entregou esta mañá os premios do 'Sétimo Concurso de Fotografía Lactancia Materna 2015' como colofón da Semana Mundial, que se celebra ata o domingo a nivel internacional. As fotografías gañadoras do certame, ao que se presentaron 56 obras de 33 autores, foron Comunidad II, de Esther Lucía Naval, merecedora do premio de 1.000 euros, e Iromeu, de Inma Vilanova, premio dotado con 500 euros. A maiores, entregáronse 10 áccesits de 70 euros cada un. As obras pódense contemplar na rúa do Paseo durante estes días.

Ademais da visibilidade que dan as fotografías, a Concellería quixo tamén presentar diferentes iniciativas dirixidas a “empoderar e apoiar as mulleres que traballan, de forma asalariada ou no traballo doméstico, para que poidan compaxinar a crianza dos seus fillos e, en particular, para que poidan aleitar”, segundo apuntou Sofía Godoy.

Así, o Concello entregaralle colantes a todos os establecementos comerciais da cidade co lema “Establecemento amigo da lactancia”, unha campaña para amosar un apoio visible ás nais, aínda que tamén se mantén un traballo conxunto con grupos de mulleres e sindicatos para protexer os dereitos de lactancia materna nos postos de traballo. A idea, en palabras da concelleira, é “unir esforzos de diferentes sectores administrativos e empresariais para defender a liberdade da lactancia”, afirma.

Escola de saúde

O vindeiro xoves 15, como cada día 15 de cada mes, celebrarase no Centro Municipal de Promoción da saúde (rúa Vasco da Ponte 1, xunto ao Conservatorio de Música) o Obradoiro Mensual de Lactancia Materna dedicado á prematuridade e lactancia, coa presenza da Asociación de Nenos Prematuros de Galicia (Agaprem). A entrada é libre e gratuíta.

Do mesmo xeito, a Concellería de Sanidade mantén activo o Punto de Atención á Lactancia Materna, nas dependencias da rúa Concordia 20, que ofrece atención de consultas, bibliografía diversa e empréstamo de material de lactancia.

Te puede interesar