OCIO | GASTRONOMÍA

Volve o festival de food trucks á cidade

O II Food Truck Festival en Ourense chegará ao Xardín de Posío o fin de semana, con variada gastronomía, animación musical e actividades infantís

Ourense acollerá ata o vindeiro domingo a segunda edición do Food Truck Festival, unha actividade organizada polo Concello de Ourense en colaboración con Producións Litoria e Comecamiños FoodTruck, que convidará os ourensáns a descubrir a oferta gastronómica de 16 camións e vehículos de comida instalados no Xardín do Posío.

O alcalde Jesús Vázquez e a concelleira de Comercio, Flora Moure, presentaron este venres o programa de actividades do II Food Truck Festival Ourense, unha cita que o edil definiu como "o festival máis importante de Galicia" dedicado á gastronomía en postos móbiles.

O edil confirmou que nesta edición apostouse por "duplicar" o número de participantes, debido ao enorme éxito da primeira edición na que mesmo houbo postos que esgotaron as existencias.

Nesta liña manifestouse tamén Ramón Pacios, de Produccións Litoria, que destacou a variedade da oferta que chegará este ano á cidade das Burgas, con comida tailandesa, xaponesa, muffins, mexicana e coa presenza "do segundo e terceiro clasificado no Campionato Nacional de Food Trucks".


16 PARTICIPANTES

Dos 16 postos que participan, só repiten cinco do pasado ano. A maior parte da oferta gastronómica son produtos salgados (13) e hai tres postos dedicados ás sobremesas.

Poderanse degustar ata 50 pratos diferentes, como bocadillos, pizzas, salchichas, arepas, pero tamén pratos máis galegos como o polbo ou as hamburguesas de cachena.

Nesta edición tamén haberá un posto especial con comida para celíacos. A Feira abriu as súas portas este venres no Xardín do Posío e poderase visitar ata última hora do domingo.

O horario, ao longo do tres xornadas será de 12,00 a 24,00 horas. A organización instalou atraccións infantís co obxectivo de atraer ás familias durante o fin de semana.

Así, entre 18,30 e 20,30 haberá inchables para nenos. O seu acceso será gratuíto para todas as persoas que realizasen algunha consumición.

Do mesmo xeito que na pasada edición haberá actuacións musicais ao longo do tres días. O venres a música correrá a cargo do grupo ourensán Soul&Roll, que ofrecerán versións de temas de pop, rock e soul, e que xa participaron o pasado ano.

O sábado e o domingo haberá dúas sesións musicais: á hora do vermú (13,30 horas) e pola noite (21,00 horas). O sábado actuará o grupo vigués "Pop-eye" e o domingo a banda viguesa "Blue-Monk".

Te puede interesar