ENTREVISTA

Vicente Feijóo: "Que a RAE recomende a forma 'Orense' é unha falta de respecto"

Vicente Feijóo
photo_camera Vicente Feijóo, responsable de "Toponimízate".

"Que sentirán as pobres mulleres de Feás cando ven que na estrada ao cartel da aldea lle quitan o til e chámanas feas?", ironiza Vicente Feijóo. Este filólogo natural de Riós é creador de "Toponimízate" e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega

"Que sentirán as pobres mulleres de Feás cando ven que na estrada ao cartel da aldea lle quitan o til e chámanas feas?", ironiza Vicente Feijóo. Este filólogo natural de Riós–aínda que prefire a forma antiga O Riós e aposta pola súa recuperación–é membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. É o impulsor do proxecto "Toponimízate" desta institución académica, que divulga a riqueza patrimonial dos nomes agochados en cada punto de Galicia con charlas nunha docena de concellos. Este venres tócalle a Parada de Sil coñecer a toponimia de seu e o traballo de profesionais coma este ourensán que loita pola preservación e difusión da microtoponimia. No marco desta iniciativa, xorde a aplicación para móbiles "Galicia nomeada", que funcionará en 2019. 

Quen ten a culpa de que se utilice mal a toponimia?

Tódolos galegos (ri). A toponimia, igual que a lingua, foise deturpando e castelanizando. Iso fai que a xente siga dicindo Orense e non Ourense. Pero é unha mágoa, existe o nomenclátor de Galicia.

Orense e Ourense. Que un organismo estatal como a RAE avale a forma Orense prexudica?

Por suposto. Na Lei de Normalización Lingüística, o artigo 10 di que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.  Se a nosa única forma oficial é Ourense, unha academia como a española non debería recomendar a forma castelanizada Orense, por moito que fose a utilizada durante séculos. É un pouco unha falta de respecto cara a nosa lingua e cara as nosas formas propias.

Houbo contactos dende a Real Academia Galega coa RAE por este tema?

Xa se pediu unha reunión para chegar a un acordo por estas cousas, aínda que quizais sería mellor que o presidente da RAG fale deste tema. Pero non se pode ter esa falta de consideración con outra academia respecto das formas que normativizamos aquí propias.

Outro tema, os microtopónimos. Cal é a principal traba para documentar estes nomes de leiras, montes, penedos...?

É máis complicado que a toponimia maior porque son nomes que ás veces non aparecen nos rexistros históricos. En xeral, na microtoponimia non se deturparon tanto os topónimos, algúns mantivéronse durante séculos. Á hora de normalizala quizais tendemos a ser máis tolerantes e usar as formas tal e como as usan as xentes.

Galicia nomeada é unha app colaborativa para recuperar topónimos nas aldeas. Cando estará dispoñible?

Para decembro a versión de proba, e probablemente estea lista para marzo. Facemos un chamamento á colaboración cidadá para recoller topónimos das aldeas. É unha mágoa que sexamos únicos no mundo en cantidade, calidade e antigüidade de topónimos e que se estea perdendo por falta de recursos.  Estas charlas son para que con pouco esforzo contribuamos a ese patrimonio, tras cada nome agóchase información cultural incalculable e que se pode utilizar para múltiples usos unha vez xeolocalizada: loita contra incendios, rutas de sendeirismo, plans de ordenación municipal...E a nivel didáctico, a toponimia ten un potencial enorme para aprender a nosa lingua e literatura e a historia de cada parroquia.

Hai datos sobre cantos topónimos se puideron perder en Galicia?

No ano 2000 empezamos o proxecto de recollida de microtoponimia e calculamos que podiamos recoller tres millóns. Démonos conta de que moita toponimia xa se perdera, había aldeas deshabitatadas e coa xente morreron topónimos. Cremos que da memoria da xente podemos rescatar sobre dous millóns de microtopónimos, pero igual un millón xa se perdeu.

Te puede interesar