CrÓNICA

Xacia e Teixo, a esperanza do idioma

photo_camera Dous pequenos len un libro en galego, durante os actos celebrados onte na rúa do Paseo.

Unha ciclobiblioteca cuns donos moi especiais percorreu a rúa do Paseo no Día das Letras Galegas

Xacia ten uns olliños verdes como as pólas dun teixo. E como a árbore, chámase seu irmán, que le ao seu carón un conto escrito por seu pai. Están nunha casetiña que se chama..."Ciclobiblioteca!", din ao unísono Xacia e Teixo, nunha mañá calquera pola rúa do Paseo, nun día calquera que resultou ser o das Letras Galegas. Son fillos de Anxo Moure, o dono desta bicicleta con libros–a maioría en galego–, que onte percorreu o centro ourensán subindo nesta biblioteca itinerante a outros nenos. "Se a montaña non vai a Mahoma...", ri o pai-bibliotecario. Quere dicir que se a xente non vai onde os libros, os libros van a eles.

"Os pequenos montan na ciclobiblioteca e doulles unha volta nela, mentres dentro van lendo ou escoitando un conto. Os libros que teño falan todos de coidar a terra", explica Anxo Moure, escritor coñecido por este tipo de actividades educativas vinculadas á concienciación ambiental. Aínda que naceu en Chantada, os seus antergos son de Ourense. "Meu avó tiña unha fábrica de zapatos en Montealegre. Agora eu collo botas vellas e úsoas como viveiros forestais. Aos nenos fálolles sempre da contaminación das cidades, e nos libros, sobre árbores, ríos... Hai moito descoñecemento", relata.

Teixo conta o "chuli" que foi ler a Don Quijote con debuxos e Xacia di que lle encanta o traballo de papá. Ela leva o nome dun ser mitolóxico, as mulleres-peixe que vivían no Miño. El, a dunha árbore. Pero a identidade máis galega lévana onde hoxe máis cómpre: na fala. 


No resto da provincia


Nas principais vilas de provincia, as letras tamén tiveron o seu espazo ao longo do día. O Barco, A Rúa, Carballiño, Xinzo ou Verín, entre outras, adicaron parte da mañá ou da tarde de onte a lembrar a figura da homenaxeada, ler parte da súa obra, ou mesmo seren partícipes de actos musicais conmemorativos. 
En A Rúa, a xornada comezou cunha pequena mostra do libro e a posterior actuación da agrupación Abertal.

Non moi lonxe da vila ruesa, en O Barco, o acto principal do día tivo lugar pasadas as 20,30 horas, coa lectura de poemas acompasada con melodías e acordes musicais, todo na Praza Maior. 

En Xinzo o Día das Letras Galegas tivo lugar na Praza Maior da vila. Nun acto que estivo presidido polo alcalde Manuel López Casas e que contou coa presenza dos concelleiros de Cultura e Festas e outros membros da corporación municipal. Entregaronse os premios dos concursos de narrativa escolar e de debuxo. Participaron alumnos da agrupación teatral Aneis e rematou o acto co hino galego. 

A concellería de cultura do Concello de Carballiño organizou un concerto recital na mañá de onte na Praza Maior.  No transcurso do acto os membros de Círculo Poético  Ourensán leron poesía e a música púxoa A Dama de Gris.

O cheo foi case total no centro das artes escénicas da vila de Verín. Alí desenrolouse, dende as sete da tarde, unha nova Gala das Letras, amenizada pola banda de música do conservatorio de Verín. Na festa coñecéronse os premiados nos certames de relato curto Antonio Fernández Pérez, e no de poesía Xosé Carlos Caneiro.
 O Colexio Plurilingüe María Inmaculada foi o centro que máis galardóns dos seus alumnos obtivo, cinco das seis categorías.

Te puede interesar