LITERATURA

“Blanco Amor segue vivo"

OURENSE. 01.12.2015. DEPUTACION DE OURENSE, ENTREGA DE PREMIO EDUARDO BLANCO AMOR A XAVIER QUEIPO. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Xavier Queipo, durante el discurso de agradecimiento. (MIGUEL ÁNGEL)

Os ourensáns rendiron homenaxe a Blanco Amor cunha ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, onde descansa o escritor. Pola tarde, fíxose entrega do premio que leva o seu nome a Xavier Queipo por "Os Kowa"

Como cada 1 de decembro, representantes do eido cultural e político de Ourense déronse cita no cemiterio de San Francisco para rendir unha homenaxe ao escritor Eduardo Blanco Amor no 36 aniversario do seu pasamento. O acto, organizado polo Centro Pen Clube de Galicia, tivo continuidade pola tarde no Centro Cultural da Deputación, onde fíxose entrega do "XXXIV Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor" ó escritor Xavier Queipo pola obra Os Kowa. O premio, dotado con 12.000 euros, engade unha escultura de Acisclo Manzano que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, lle fixo entrega ao autor galardonado durante o acto literario. 


A xornada de recordo comezou cunha ofrenda floral na que un grupo de alumnos dos institutos de O Couto e Blanco Amor leron parte das súas publicacións con máis sona. É o caso de A esmorga ou Os biosbardos, "que son un claro exemplo do que supuxo Blanco Amor para a literatura galega", explicou o alcalde da cidade, Jesús Vázquez. O autor de Xente ao lonxe foi "un galeguista comprometido ca súa Auria", explicou Luis Tosar, presidente do Pen Clube, a pesar de vivir durante máis de 40 anos en Bos Aires. "Tiña moitas opcións pero elixiu ser un escritor en galego e isto hai que valoralo", explicou Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta.
Ignacio Vilar anunciou que o seu próximo obxectivo é levar o filme A Esmorga ata Bos Aires, cidade sobre a que o mantedor do acto, o escritor e xornalista Arturo Lezcano, fixo un traballo de investigación que sairá en breve á luz. 


 A música do compositor ourensán Daniel Minimiala foi a encargada de amenizar o acto de entrega da 34 edición do premio de "Blanco Amor", que organiza a Deputación. Este ano o galardón recaíu en Xavier Queipo, un escritor vigués afincado en Bruselas, por Os Kowa, unha historia a cabalo entre Europa e a Amazonia.
Queipo quixo dedicar o premio á Galicia emigrante destacando o "bilingüismo harmónico que os galegos levaron e levan polo mundo adiante", explicou.


 O presidente da Deputación, Manuel Baltar, glosou a figura de Blanco Amor como "o xigante das nosas letras" nun acto literario no que "estamos devolvéndolle a un dos nosos máis grandes escritores un pouquiño do moito que el nos aportou", explicou. Baltar destacou que o literato exerceu sempre de ourensán e levou "a súa Auria a súa máis alta categoría deslumbrando alá por onde ía". As súas lembranzas coa figura do homenaxeado remóntanse a súa infancia. De neno coñeceu ao escritor ourensán como "veciño que era das Lagoas e falo agora a metros da Fonte do Rei, escenario dunha das obras máis importantes da nosa literartura como é A esmorga", explicou Baltar, que destacou que foi o ano pasado cando a Diputación asumiu o compromiso de exaltar a figura de Blanco Amor coa organización deste premio literario.


 O Centro Cultural da Deputación acolle na actualidade un arquivo sobre a obra de Blanco Amor así como obxectos personais do escritor, elementos a disposición de futuros investigadores interesados no seu legado. "Agora seguimos a traballar na Fundación Blanco Amor que nestes intres está en trámite administrativo para a súa constitución definitiva", explicou Baltar.

Te puede interesar