ENTREVISTA

Xosé Manoel Martínez: "Queremos terapias e un local para os nenos con autismo, ser modélicos"

Os pais de nenos con trastorno do espectro autista de Ourense veñen de crear a asociación "Por eles", para xestionar directamente as terapias que ata agora levaba acabo "Autismo Ourense"

Xosé Manoel Martínez, un dos representantes da nova asociación.
Xosé Manoel Martínez, un dos representantes da nova asociación.
Xosé Manoel Martínez: "Queremos terapias e un local para os nenos con autismo, ser modélicos"

O motivo que manifestan as 40 familias afectadas é o incremento da tasa dos servizos  a 300 euros, o dobre do que pagaban estas 40 familias afectadas, das que unha vintena forman parte da nova entidade. Xosé Manoel Martínez é un dos responsables de "Por Eles".

En que situación se atopan as familias de nenos con autismo?

Temos varios frontes abertos. Somos 40 familias afectadas e unha vintena creamos a asociación "Por eles", porque Autismo Ourense comunicounos por carta que se pechaba o servizo de orientación e que a atención temperá costaríanos 300 euros aos pais a partir de setembro.  Agora estamos xuntándonos todos os días con partidos políticos e asociacións para que a un de setembro poidamos ter un local e terapeutas para os nosos fillos.

Ademais do local e as terapias, que obxectivos se marcan?

Hai nenos nas casas que están no limbo, sen terapias. Queremos conseguir que non haxa "autismo de primeira" ou "de segunda". Todos os nenos autistas teñan dereito a terapias. Queremos teatro, actividades con cans ou cabalos...Son cousas que recomendan os psicólogos, importantes para potenciar a autonomía dos nenos, e as que nunca tivemos acceso. Non hai nada.

Como van as negociacións coas entidades públicas e privadas?

En stand-by. É un pouco frustrante e necesitamos ser pacientes.

Que din dende o Concello?

Están estudando o tema e posiblemente teremos máis reunións.

A canto pode ascender o custo dos servizos que necesita un neno con autismo ao mes?

O problema é que somos un colectivo variado. Está todo moi diversificado. Hai nenos que van so ás terapias básicas, pero outros poden necesitar de máis profesionais como logopedas ou fisioterapeutas.

Puideron comunicarse con Autismo Ourense antes de tomar a decisión de crear “Por eles"?

Tivemos unha reunión o 9 de febreiro, foi a única vez que estivemos en contacto. O presidente presentounos un power point no que puña que o servizo de orientación ascendía a 90.000 euros ao ano. A metade, 45.000 euros, ingresámolos os pais. Pretendían que as familias paguemos o servizo íntegro dos nosos fillos. Onde van os 37.000 euros que deu o Concello para este tipo de servizos?

Preguntaron a onde ían parar estes cartos?

Si, en sete ou oito ocasións e non nos dixeron nada. 

Que mensaxe queren dar dende a nova asociación?

Hai nenos que necesitan terapias, queremos un servizo modélico para todos. Os pais da asociación estamos volcados neste cometido, queremos que o día de mañá os nosos fillos se sintan orgullosos. Por iso, queremos ter terapias e sitios onde dalas e sacar das casas aos nenos que non as teñen, porque é unha vergoña.