música

Xunqueira de Ambía acolle un ciclo de órgano e música antiga

O músico Miquel González dará o pistoletazo de saída das xornadas con pezas de Haydn ou Haendel, entre outros

A Colexiata Santa María a Real de Xunqueira de Ambía acollerá o XXIX Ciclo de órgano e música antiga, que se sucederá durante os tres próximos domingos.

O certame dará comezo este domingo 26 de agosto ás 20,00 horas coa primeira das citas. O encargado de dar o pistoletazo de saída das xornadas culturais será Miquel González. O músico, nacido en Badalona, recibiu varios premios polas súas interpretacións, ademais de ser o autor do inventario dos órganos da provincia de Lleida e do Principado de Asturias. 

Na súa actuación en Xunqueira de Ambía repasará obras de F. Correa de Arauxo, V. Rodríguez, J. Nebra, Haydn ou Haendel, entre outros solistas de recoñecida traxectoria.A cita coa música antiga volverá o próximo domingo , día 2 de setembro, a mesma hora, con Esteban Vaquero, ao oboe; Marisol Medive, ao órgano; e Marcos Vázquez, á percusión. O ciclo rematará na xornada do domingo 9 de setembro, e contará coa participación dos músicos Canco López, que tocará o órgano, e da violinista Elsa Ferrer. 

As actuacións musicais son de balde e están organizadas polo Concello da localidade, en colaboración coa Deputación de Ourense e coa Xunta de Galicia.

Te puede interesar