entrevista

Yolanda Castaño: "É necesario ensinarlles aos rapaces a entender e manexar a poesía"

_10.68.50.98-archive-2014-06-03-img_0285_result
photo_camera Yolanda Castaño

O IV Ciclo de literatura infantil e xuvenil do Campus As Lagoas da cidade, organizado pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), presenta este martes a súa terceira xornada, que correrá a cargo da poeta galega Yolanda Castaño

O IV Ciclo de literatura infantil e xuvenil do Campus As Lagoas da cidade, organizado pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), presenta hoxe a súa terceira xornada, que correrá a cargo da poeta galega Yolanda Castaño. Baixo o título "Chaves en letra miúda", Castaño reflexionará sobre a poesía en idades temperáns. 

Ademais de libros para adultos, tamén ten varios títulos adicados aos máis pequenos.

Si, en total levo publicado cinco contos dende 2006, que tamén están escritos en verso. Dende que era nena eu xa consumía obras poéticas, coma as de Gloria Fuertes, e naquel momento a poesía xa me enganchou sen deixarme marchar nunca. Os meus libros infantiles buscan contaxiar ese gusto que eu percibín. 

Varía a tipoloxía dos versos?

Claro, nestes traballos hai moita musicalidade e sonoridade e emprego versos rimados, algo que non fago na poesía adicada aos adultos. Ademais, incido no sentido do humor e tamén na coraxe dos personaxes.

Que tipo de protagonistas aparecen nos seus contos?

Punver -protagonista de varios das súas obras- é un verme punk, é un antiheroe. Escollín que fose un verme porque non me gustan esos heroes perfectos, senon os que están a ras de chan, teñen erros e aínda así son capaces de atopar o seu camiño. Nos outros libros, os personaxes tamén son bechos, porque non son animais que normalmente protagonizan as historias, e hai moitas femias, porque aposto pola igualdade de xénero.

Que papel pode xogar a poesía na evolución dun neno?

A poesía traballa moito a educación sentimental dos pequenos, porque axuda a identificar e a expresar emocións que a linguaxe ordinaria non é capaz de  explicar. Ademais, as súas facetas máis sonoras tamén fomentan a imaxinación. A literatura é capaz de condicionar a nosa forma de entender o mundo.

É preciso darlle máis importancia á poesía nos plans educativos?

Aínda queda moito por facer neste terreo, supoño que tamén por iso a existencia deste curso no Campus de Ourense. Nos curriculums é preciso aumentar a presenza da poesía, pero tamén hai que ensinarlles aos rapaces como manexala e como entendela. A poesía non ten nada que ver coa razón, hai que lela dende a emoción e o sentimento. É como a música ou outro tipo de artes, non é posible analizalas como ao resto das disciplinas.

Te puede interesar