Como contrapunto, as proximidades da cidade de Vigo presentan o número máis baixo, que non chega ó seis por cento

A zona sur de Ourense é a área con máis galegofalantes de Galicia

Un 59,18%. É a cifra máis alta que figura no mapa de Galicia en canto a número de fogares nos que tódolos seus membros de cinco ou máis anos falan habitualmente só en galego. E está aquí, na provincia. Trátase da zona sur de Ourense e abrangue as comarcas da Baixa Limia, Verín, Viana, A Limia e a Terra de Celanova. Nesas zonas, de cada 100 familias, case 60 son galegofalantes dende que se erguen ata que se deitan. O segundo gran índice do estudo sitúase na Costa da Morte, na outra punta de Galicia. Alí son 52,07 de cada cento de fogares os que soben os índices do galego nas marcas do Instituto Galego de Estatística.
Voltando á provincia, o seguinte posto márcao o 43,54% do Carballiño e O Ribeiro. Na área de Ourense, pola contra, só un 18,28% das vivendas están ocupadas por persoas que adoitan expresarse en galego. Por diante deles, as comarcas de Allariz-Maceda, a Terra de Caldelas, Valdeorras e a Terra de Trives acadan índices do 31, 78%, un terceiro lugar alonxado do primeiro por máis de 20 puntos. Pero calquera dos datos ourensáns está ben lonxe do 5,99% da área do concello de Vigo, a cifra máis baixa de todo o mapa.

Nesa mesma área do sur da provincia de Ourense, salienta por anecdótica a situación das cifras máis altas tanto daqueles que saben saben expresarse moi ben no galego escrito como daqueloutros que non son quen de redactar nin palabra.

Con todo, Ourense sitúase á cabeza de Galicia en canto a habitantes que sempre falan en galego, cunha porcentaxe do 41,9%. Non obstante, esta cifra caeu un 11% dende 2003, pero mantense moi por riba da media galega, sita nun 30%. Son datos do IGE que viron a luz no ano 2008 e sinalan que, dende hai case unha década, caeu en xeral o número de ourensáns que se expresan sempre en galego, arredor de 10 puntos.

No que respecta ás idades, os que máis facilidade de palabra teñen no idioma de Galicia son os maiores de 65 anos, pois as palabras dun 69,26% saen do seu maxín en galego a maior parte do tempo. A franxa de entre 15 e 29 anos exprésase mellor en castelán; mentres que son os máis pequenos, de 5 a 14 anos, os máis eclécticos, posto que falan coa mesma fluidez un e o outro. En cuestión de sexos, os homes ourensáns gánanlle ás mulleres por case un 4% á hora de sabelo falar.

E se o dato trata dos sete grandes concellos de Galicia, Santiago de Compostela arrasa con tódolos parámetros. Menos con un. E non podía ser outro có de números de fogares onde tódolos membros de cinco ou máis anos falan habitualmente só galego. Aí o concello de Ourense marca un 13,16%, fronte ó 10,6% dos composteláns.

Así, pode que verbas coma 'il', 'iste', 'huxe' ou 'eiquí' non estean recollidas na normativa do idioma, pero no día a día de Galicia, Ourense é, en xeral, onde maiores índices de galegofalantes habituais se rexistran.

Te puede interesar