SOCIEDAD

“Os Bolechas" ensinan como realizar os primeiros auxilios os escolares

bolechas1_result
photo_camera Presentación dos contos de Os Bolechas no colexio de Primaria Raíña Fabiola de Santiago.

No seu conto, amósanlle ós escolares como actuar ante calquera contratempo da vida cotiá

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López; e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez, presentaron hoxe, no Centro de Educación Infantil e Primaria Raíña Fabiola de Santiago, a nova colección de contos dos Bolechas co obxectivo de mellorar a formación en primeiros auxilios dos nenos e das nenas en idade escolar.

Nesta nova colección de libros, que consta de oito contos, os Bolechas ensinan, coa colaboración do 061 de Galicia, como os nenos e nenas deben realizar axeitadamente as técnicas de primeiros auxilios naquelas situacións que os máis pequenos adoitan atopar con maior frecuencia. 
Todos os contos están baseados en textos moi breves que presentan diferentes situacións dunha maneira sinxela, atractiva e fundamentalmente visual para facilitar a aprendizaxe.

Aprendizaxe sinxela

Durante o acto de presentación, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, destacou a importancia de que os nenos e nenas reciban formación en primeiros auxilios desde idades temperás e a través de personaxes coñecidos porque, "desta maneira, a aprendizaxe é moito máis sinxela, incrementa neles o interese por aprender e perdura no tempo".

Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, subliñou a colaboración entre administracións en todo o que repercuta no benestar dos rapaces, como é o caso desta iniciativa para formalos no eido dos primeiros auxilios dunha maneira lúdica e divertida a través dos contos dos Bolechas. Unha aprendizaxe que, segundo Corredoira, "non repercute só nos propios cativos, senón que eles mesmos poder exercer de correa de transmisión dos seus coñecementos para as súas familias". 

Te puede interesar
Más en Sociedad