EN LA PROVINCIA

Lúa, a mastín de Coles que "adopta" cordeiros

Só tivo unha camada, e perdeuna enteira. Non o superou. Agora, Lúa, que convive cun rabaño de ovellas, coida un año coma se fose seu. Tamén adoptou a outros dous cadeliños. 

Non é a primeira vez que Lúa "adopta" cordeiros do rebaño, que coida coma se fosen os seus propios cachorros. A novidade desta vez é que esta cadela está producindo leite sen estar preñada ou ter parto algún: Lúa ten embarazos psicolóxicos. "Nos catro anos que ten, pariu só unha vez, pero aos poucos días os cadeliños morreron, e penso que ela quedou traumatizada", explica Manuel Rodríguez, veciño de Coles, onde están Lúa e o seu rabaño.

Parece ser que esta é a razón pola que esta mastín colle os cordeiros recén nacidos das súas ovellas. "Era luns cando as fun buscar e unha, que sempre trae dúas crías, parira e só tiña un año, o que me estrañou porque acostuma traer dous. O mércores escoitei no monte un berro, e cando fun mirar, Lúa escarbara un burato-o que acostuman facer as cadelas cando van parir-, e alí estaba, dándolle de mamar, escondida debaixo dunhas silvas. Desde ese día non se separan, o año vai detrás dela alá onde Lúa se move", explica Rodríguez. 

 Quince días pasaron xa deste descubrimento, e o año está medrando coma se estivese coa súa nai biolóxica, que agora non o quere. "Cando as ovellas dan a luz, teñen que cheirar as crías, porque deben ter un olor concreto, co que despois distinguen aos seus años nun rabaño de centenares de reses. Como Lúa os colle cando acaban de nacer, a ovella despois non os quere, polo que algúns morreron. Este esta mamando tamén da ovella, porque eu agárroa, pero el segue detrás da cadela", conta, aínda fascinado, Rodríguez.

A historia non remata aquí. Despois de consultar cunha veterinaria o caso de Lúa, esta comentoulle que a deixara ter unha camada para poder superar o trauma, pero esto non sucedeu aínda. Entón, este pastor víu unha posible solución que, polo momento, parece que está a funcionar: "Teño outra cadela, un border collie, que tivo cachorros aos poucos días desta 'adopción'. Entón collinlle un par de crías e púxenllos a Lúa, e quéreos ben! Eu penso que se lle pos unha zapatilla, tamén a vai querer coma un fillo. O caso é que está criando dous cans e un año, e estánche ben gordiños! Se vexo que os cadeliños berran, vólvoos levar coa súa nai, pero de momento a cousa parece que vai ben". 

Te puede interesar