UNIVERSIDAD

Aberto o prazo de inscrición para cursos de sete idiomas ata o vindeiro 20 de xaneiro

En Ourense impartirase por primeira vez dous talleres e un curso de iniciación á lingua e cultura chinesa

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo permite elixir entre sete alternativas diferentes para fornecer os coñecementos lingüísticos: alemán, chinés, español, francés, inglés, italiano e persa. Abertos tanto á comunidade universitaria como á sociedade en xeral, os cursos do segundo cuadrimestre teñen o prazo de matrícula aberto ata o vindeiro día 20 de xaneiro en centrodelinguas.fundacionuvigo.es

Mentres para os interesados no persa se ofrece tanto nivel inicial como b2.2 para os que continúen coa súa formación, no caso do italiano haberá un curso de conversa e outro semipresencial de a1. Para os que queiran estudar alemán ofértanse cursos de nivel a1.2 e b1. 

No caso do francés está aberta a matrícula para dous cursos de conversa a2/b1 e b2/c1. 

A oferta máis ampla de todas é a que respecta ao inglés, que comprende cursos cuadrimestrais en Ourense de b2.2; en Pontevedra a2.2 e b1.2; e en Vigo cursos de a2.2, b1.2, b2.2, c1.2 e un obradoiro de presentacións académicas en inglés. 

Para as persoas interesadas na lingua chinesa, o Centro de Linguas deseñou unha oferta ampliada de cursos, obradoiros e exames en colaboración coa Aula Confucio. Por unha banda, terán lugar dous talleres, un de recorte de papel e outro de caligrafía, ambos de balde e dun só día de duración, que se ofertan nos tres campus na segunda quincena deste mes. Estes obradoiros xa se celebraron no primeiro cuadrimestre en Vigo e agora esténdense a Pontevedra e Ourense por primeira vez.

 Para os que queiran seguir afondando no idioma asiático, os tres campus acollerán un obradoiro de 40 horas de iniciación á lingua e á cultura, aos que se suma o curso cuadrimestral de lingua chinesa de nivel a1.2. que permite preparar o exame de acreditación de nivel oficial HSK1, que se celebrará por primeira vez na Universidade de Vigo no mes de xuño. 

O obradoiro de caligrafía chinesa será en Ourense o día 24 de xaneiro, de 10.30 a 13.00 horas; e o de recortado de papel será o 21 de xaneiro, de 16.00 a 18.00 horas, ambos gratuítos.

Finalmente, a oferta idiomática  complétase cos cursos de español de estranxeiros nos tres campus. 

Te puede interesar